Agra presentou unha publicación que recompila as biografías de corenta mulleres destacadas da cultura galega

Agra, Álvarez e Adán, na presentación da publicación
Agra, Álvarez e Adán, na presentación da publicación
«Neste libro», salientou a deputada do BNG na súa intervención, «hai un compendio de igualdade e lingua, dúas áreas fundamentais para seguir sacando da invisibilidade todas as referencias femininas que temos en Galicia e que non estiveron nos libros de texto da nosa literatura e da nosa historia».
Agra presentou unha publicación que recompila as biografías de corenta mulleres destacadas da cultura galega

A responsable provincial de Igualdade e de Lingua, Sol Agra, participou na presentación de Corenta mulleres tecendo xuntas, unha publicación que recompila as biografías de corenta mulleres destacadas da cultura galega. A edición foi posible grazas a un acordo asinado o pasado 17 de abril pola presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e a daquela deputada do BNG e titular da área de Cultura, María Muíño. Agra compartiu acto con Álvarez e mais con Carme Adán, coordinadora do volume xunto con Montse Fajardo.

«Neste libro», salientou Agra na súa intervención, «hai un compendio de igualdade e lingua, dúas áreas fundamentais para seguir sacando da invisibilidade todas as referencias femininas que temos en Galicia e que non estiveron nos libros de texto da nosa literatura e da nosa historia». «Así mesmo», puntualizou, «a obra fai unha descuberta de mulleres que estaban realmente invisibilizadas».

Corenta mulleres tecendo xuntas recolle as biografías de pioneiras nas artes plásticas —como Dolores Rodeiro, tallista de imaxes relixiosas en madeira e primeira muller que obtivo unha bolsa da Deputación da Coruña en 1881— e no deporte —Irene González Basanta, precursora na práctica do fútbol non só en Galicia, senón no mundo, durante  a década de 1920—, e doutras mulleres inxustamente esquecidas: María Reguera, afeccionada á paleografía e firme defensora das mulleres no ensino; Teresa Vaamonde, quen ingresou no corpo arquivístico durante a II República e, logo, durante a ditadura, viuse obrigada a renunciar ás súas ideas para non ter que abandonar o seu traballo; Nicolasa Añón, campesiña analfabeta que chegou a ver recollidos os seus versos nun libro; Clara Corral Aller, poeta que publicou en galego no século XIX, ou Emilia Calé, que nese mesmo século traballou como xornalista.

A obra pódese descargar, de balde, nesta ligazón: https://consellodacultura.gal/publicacion.php?id=4491.

Agra presentou unha publicación que recompila as biografías de corenta mulleres destacadas da cultura galega