Xestión directa dos parques de bombeiros comarcais en 2020

Reunión do Consorcio Provincial Contraincendios este venres.
Reunión do Consorcio Provincial Contraincendios este venres.

Os dez parques comarcais de bombeiros da provincia da Coruña pasarán a ser xestionados de forma directa pola administración pública a partir do ano próximo.

Xestión directa dos parques de bombeiros comarcais en 2020

O pleno do Consorcio Provincial Contraincendios da Coruña, integrado ao 50% pola Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, aprobou hoxe a proposta do Goberno provincial coruñés para iniciar o proceso de cambio no modelo de xestión dos parques de bombeiros comarcais (actualmente xestionados por empresas privadas mediante concesión administrativa) por un novo modelo no que medios e persoal dependerán directamente do Consorcio.

 

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a vicepresidenta, Goretti Sanmartín, o director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, o portavoz da Mesa Intersindical de Bombeiros, Ángel Moldes, o xerente do Consorcio, Luis Barca, e o deputado responsable da área, José Luís García, compareceron esta maña nunha rolda de prensa convocada para explicar os acordos alcanzados tras un longo camiño burocrático que incluíu a elaboración de informes sobre a posibilidade e fórmulas de subrogación dos traballadores e sobre a sustentabilidade económica do novo modelo.

 

Os informes xurídicos e económicos encargados polo Consorcio determinaron que a xestión directa “é a fórmula máis sostible e eficiente”, pois non só é viable dende o punto xurídico, senón que supón un aforro económico de 503.000 euros anuais con respecto ao sistema actual.

 

A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, subliñou que o acordo permite “cumprir o dixemos dende o inicio: que un servizo esencial debe ser público” e considerou “un exemplo” o proceso de negociación levado a cabo durante meses coas administracións e traballadores. “Será un cambio beneficioso para o conxunto da poboación”; afirmou Goretti Sanmartín.