Regueira defende na entrega dos premios do Santiago(é)Tapas a aposta de Turismo da Deputación pola cadea de valor da enogastronomía da provincia

Regueira entrega o premio ao gañador da mellor tapa creativa
Regueira entrega o premio ao gañador da mellor tapa creativa
«É sempre un gusto, e nunca mellor dito, que se empreguen os nosos programas de apoio á mellora da calidade e da competitividade; por unha banda no avance e promoción da boa restauración, e por outra, en ofrecerlles a visitantes e residentes a posibilidade de coñecer e recoñecer o excelente produto co que contamos», sinalou o vicepresidente na súa intervención.
Regueira defende na entrega dos premios do Santiago(é)Tapas a aposta de Turismo da Deputación pola cadea de valor da enogastronomía da provincia

Xosé Regueira participou onte, no Auditorio de Galicia, no acto de entrega de premios da XV edición de Santiago(é)tapas, unha iniciativa que conta co patrocinio da Deputación da Coruña. O vicepresidente defendeu a aposta da área de turismo provincial pola cadea de valor da enogastronomía coruñesa, «o noso principal medio de promoción turística».

«A enogastronomía», afirmou, «pode significar unha oportunidade turística comprometida co territorio e a súa conservación, coa promoción da diversidade histórica e cultural, coa loita contra a homoxenización cultural e a turistificación, e, sobre todo, coa procura dun turismo máis consciente, no que pese máis a calidade que a cantidade e no que se xeren oportunidades para recuperar o pulso social e económico, en especial no medio rural. Con ese obxectivo traballamos e nel cremos».

Para o vicepresidente, «é sempre un gusto, e nunca mellor dito, que se empreguen os nosos programas de apoio á mellora da calidade e da competitividade; por unha banda no avance e promoción da boa restauración, e por outra, en ofrecerlles a visitantes e residentes a posibilidade de coñecer e recoñecer o excelente produto co que contamos».

Regueira —encargado de entregar o premio a La Morena pola mellor tapa creativa: 'Crocante de abelá e praliné de maracuyá'— destacou o potencial gastronómico, social e patrimonial do "tapeo": «Tapear é pura liberdade, tanto á hora de elixir que comer, coma no xeito de facelo; e como Compostela sabe moito de patrimonio, de partillar e de liberdade, ten un magnífico programa de tapas, ao que hoxe poñemos colofón na súa edición do 2024».

Tamén se refeiru a 'A provincia que sabe', a marca coa que o seu departamento promove «os saberes e sabores dos diferentes axentes gastronómicos» en todos os foros e ferias de relevancia nacionais e internacionais, «cun importante investimento de recursos». «Contamos cunha boa mostra do sector da produción e da restauración compostelá, con profesionais que hoxe teño o pracer de ver aquí, e outros que en breve agardamos poder incluir nas alianzas desta estratexia».

Regueira defende na entrega dos premios do Santiago(é)Tapas a aposta de Turismo da Deputación pola cadea de valor da enogastronomía da provincia