Banco de formación e información para a igualdade

Ánxela Franco e o equipo de Igualdade, durante o encontro desta semana.
Ánxela Franco e o equipo de Igualdade, durante o encontro desta semana.

Máis de dúas mil persoas participaron na fase de diagnose do plan Compartimos Plan.

Banco de formación e información para a igualdade

Persoal político e técnico de concellos e representantes de entidades participaron esta semana no Foro Provincial do Plan de Igualdade da Deputación da Coruña, "Compartimos plan" nunha xuntanza que puxo fin ao proceso de diagnose e abre as portas á difusión das medidas e accións pola igualdade. A deputada de Igualdade, Ánxela Franco, agradeceu a ampla participación na elaboración do Plan de Igualdade que definiu como "unha ferramenta que fará avanzar no proceso de Igualdade".

 

Ano e medio despois do inicio do proceso para a elaboración da diagnose, a área de Igualdade e Servizos Sociais da Deputación explicou que a diagnose recomenda modificacións que afectarán á propia Deputación da Coruña á hora de defender a necesidade de "crear referentes claros da área e coordinar as accións coas comarcas". 

 

Entre outras medidas, anunciou que se vai crear un banco de formación e información que será útil para todo o territorio no que se difundirá unha ferramenta que atenderá as necesidades de axentes de igualdade das dezaoito comarcas da Coruña.

 

124 encontros e 1100 ferramentas participativas

Do desenvolvemento dos foros participativos nas comarcas elaborouse unha relación de medidas que se avaliaron na propia Deputación cun grupo interno dunhas 35 persoas para estudar a súa viabilidade cun resultado que foi posto en común no foro provincial para a súa aprobación e difusión final. O plan completarase cunha guía de recursos e boas prácticas actualizada.

 

No balance do proceso para a elaboración do documento final con medidas para a igualdade, a Deputación da Coruña promoveu 124 encontros no territorio coa participación de máis de 2000 persoas e o emprego de máis de 1.100 ferramentas participativas.