Acordo para a dinamización das Torres do Allo, en Zas

Xesús Soto e Manuel Muíño.
Xesús Soto e Manuel Muíño.

Atención a visitantes, iniciativas didácticas, difusión e programación cultural son os eixos do convenio entre as institucións.

Acordo para a dinamización das Torres do Allo, en Zas

O novo convenio subscrito polo deputado Xesús Soto e o alcalde Manuel Muíño ten como obxectivo dar uso turístico ao monumento, impulsar o seu uso educativo e implicar á poboación local na posta en valor do edificio e conectalo coa súa propia contorna.

 

A Deputación da Coruña financia a atención a visitantes e unha ampla programación arredor das Torres do Allo que xestiona o Concello de Zas por terceiro ano consecutivo. O deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xesús Soto, e o alcalde de Zas, Manuel Muíño, asinaron o convenio de financiamento por parte da institución provincial dos 59.868,36 euros que suman o programa anual arredor dun monumento de referencia na Costa da Morte.

 

Na sinatura do convenio o deputado Xesús Soto, destacou a avaliación moi positiva do novo modelo de xestión que se pode confirmar de maneira especial no caso das Torres do Allo en que se experimentou un considerábel incremento nas visitas, no coñecemento e na programación arredor do monumento propiedade da Deputación da Coruña e xestionado polo Concello de Zas.

 

Pola súa parte, tamén o alcalde, Manuel Muíño, recoñeceu as vantaxes do modelo de xestión que permiten un maior coñecemento do monumento e implicación por parte da veciñanza, un esforzo na difusión dentro da política municipal de promoción económica e turística e mesmo un aproveitamento especial no ámbito educativo e na transmisión do valor patrimonial ás novas xeracións.