«El viaje de Carla», o sábado 19 no Teatro Colón

Víctor Caramés e Goretti Sanmartín na presentación deste mércores
Víctor Caramés e Goretti Sanmartín na presentación deste mércores

Ao acto asistirá a política e activista trans Carla Antonelli, protagonista do filme. A entrada será libre até completar o aforo. 

«El viaje de Carla», o sábado 19 no Teatro Colón

O vindeiro sábado 19 de xaneiro ás 20:00 horas proxectarase no Teatro Colón o documental El viaje de Carla que narra a experiencia da política e activista LGTBI, Carla Antonelli. A entrada será libre até completar o aforo. O filme foi gañador do premio ao Mellor Documental nacional e internacional e Premio á mellor obra española en Lesgaicinemad 2014.

 

A vicepresidenta e deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, e Víctor Caramés en representación do activismo LGTBI participaron no acto de presentación da proxección. "Gustaríanos que películas como estas fosen máis habituais e que formasen parte da bagaxe dun mundo en que hai maneiras distintas de vivir, de sentir, de amar, de identificarse e no que feitos como este deixen de ser unha noticia", sinalou Goretti Sanmartín na súa intervención en que falou da iniciativa como "un grao de area na visibilización dos problemas que ten o colectivo trans e no intento de solucionalos para teren unha vida digna e plena con todos os dereitos garantidos".

 

Pola súa parte, Víctor Caramés, do movemento LGTBI, agradeceu de parte dos colectivos á Deputación da Coruña a súa participación na chegada do filme ao Teatro Colón e mostrou o seu desexo de que sexa "o comezo de moitos máis actos lgtbi que son moi necesarios". Explicou tamén que o documental xira arredor da vida de Carla Antonelli e a viaxe que fai desde a súa Canarias natal para "poder vivir como ela quere, para fuxir das trabas" e anunciou tamén que a protagonista participará nun debate que se desenvolverá despois da proxección do filme.