A Xunta pro Devolución solicita á Xunta que actúe diante do anuncio de venda do Pazo de Meirás
A Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás solicitaralle á Xunta que impugne a eventual operación de venda da propiedade por parte da familia Franco
A Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás reuniuse hoxe na sede da Deputación da Coruña co fin de avaliar a nova situación creada despois da manifesta intención do neto de vender a propiedade para eludir o proceso de recuperación como ben público. Desde a Xunta pro Devolución ínstase ás institucións a iniciar de maneira urxente o proceso xudicial para a recuperación do inmoble e, en concreto, solicítaselle ao goberno do Estado que inicie a demanda civil para reclamar a propiedade no xulgado de Betanzos e inscriba, de maneira inmediata, o Pazo no rexistro da propiedade. Ademais, insta aos gobernos do Estado e a Xunta a que se poñan de acordo de maneira inmediata e ofreceron á Deputación como sede para un encontro co fin de iniciar un camiño conxunto nun momento que cualificaron de "excepcionalidade extrema".
O profesor da Universidade de Santiago e responsable do informe xurídico, Xabier Ferreira, asistiu á Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás e defendeu a necesidade de que, con carácter de urxencia, as institucións implicadas activen a demanda para a recuperación do Pazo de Meirás xa que o paso do tempo está permitindo que a familia opere para intentar blindar a propiedade. Lembrou que o informe indica que é o goberno central o máis acaído para iniciar a reclamación xa que a finca funcionaba como casa oficial de verán do Xefe do Estado, mais defendeu tamén a posibilidade de que a propia Xunta tome algunha iniciativa por se tratar dun Ben de Interese Cultural.