Última fase da formación para desenvolver o programa "Di Coruña accesible"
O programa de fomento da accesibilidade Di Coruña accesible, promovido pola área de Igualdade e Servizos Sociais da Deputación da Coruña, continúa a desenvolverse con accións formativas en que participan persoal da institución e dos concellos.
O espazo urbano e a edificación foi o tema da xornada celebrada este venres na sede da Deputación da Coruña á que asistiu a responsábel da área de Igualdade e Servizos Sociais, a nacionalista Ánxela Franco, impulsora do plan.
O programa formativo está dirixido a persoal da propia institución e os concellos como forma de sensibilización e especialización en materia de accesibilidade. Diego Piñeiro e Jano Rodríguez, especialistas no tema e membros do equipo de traballo de Combina Social, adxudicataria do proxecto e empresa participada pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), son os responsábeis de impartir as accións que teñen como obxectivo trasladar a idea da necesidade de traballar para a accesibilidade desde as administracións.
Entre os meses de novembro e decembro estase a desenvolver a fase formativa que comprende cinco sesións. O próximo día 20 terá lugar a última do ciclo que versará sobre accesibilidade na edificación e que terá lugar tamén na Sala Juanjo Gallo da Deputación, despois de que con anterioridade se tratasen temas como o deseño universal, a comunicación accesible ou o marketing inclusivo. Máis de 80 persoas dos concellos e a propia Deputación participan no programa formativo.