O POS+ 2019 arranca con 61,5 millóns de euros
O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe, cos votos favorables de PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños e abstención do PP, as bases reguladoras do Plan Único do vindeiro ano (POS+2019)
O deputado responsable da área de Plans e Cooperación cos Concellos, Xosé Regueira, do BNG, destacou que o programa "demostrou ser un instrumento útil” para que os concellos afronten as súas necesidades concretas e que “mellorou e simplificou as relacións entre os concellos e a Deputación". Dende a súa creación en 2017, o Plan Único acumula un investimento histórico de máis de 243 millóns de euros nos concellos coruñeses.
"Todos os alcaldes da provincia, de todas as cores políticas, transmítenos claramente a eficacia do Plan Único", afirmou Regueira, que considerou que este sistema "debe ser o camiño" tamén para outras administracións públicas xa que ofrece total transparencia na asignación de fondos e permite total autonomía municipal para decidir en qué investir en cada concello.
Os 93 concellos da provincia teñen de prazo dende o 15 de outubro ata o 20 de decembro para solicitar á Deputación os proxectos que queren financiar con cargo ao POS+2019.