María Muíño presentou ‘Mobilizadxs xti’, a campaña coa que a Deputación apela á loita contra a desigualdade da muller na sociedade actual

María Muíño, na presentación, hoxe, da campaña
María Muíño, na presentación, hoxe, da campaña
“A nosa reivindicación con motivo do 8M pasa por visibilizar como estamos as mulleres a día de hoxe, con datos que expliquen a nosa realidade, e que nos permitan tomar cociencia do moito que queda por facer para chegar á igualdade real”, explicou a deputada provincial de Igualdade. "O obxectivo ideal a longo prazo", engadiu, “é acabar con estes datos tan negativos e que toda a sociedade se implique nesta loita”. 
María Muíño presentou ‘Mobilizadxs xti’, a campaña coa que a Deputación apela á loita contra a desigualdade da muller na sociedade actual

A deputada de Igualdade, María Muíño, presentou esta mañá a imaxe e o lema cos que a Deputación da Coruña pretende concienciar sobre as desigualdades que afectan á muller actual na sociedade galega. Baixo o epígrafe ‘Mobilizadxs xti’, a área provincial de Igualdade pon en marcha unha campaña que durará todo o mes de marzo e que ten por obxectivo principal difundir a realidade da muller actual, baseándose nas cifras desfavorables en cuestións como a fenda salarial, na precarización laboral ou no ámbito da conciliación e dos coidados.

“A nosa reivindicación con motivo do 8M pasa por visibilizar como estamos as mulleres a día de hoxe, con datos que expliquen a nosa realidade, e que nos permitan tomar cociencia do moito que queda por facer para chegar á igualdade real”, explicou Muíño. "O obxectivo ideal a longo prazo", engadiu, “é acabar con estes datos tan negativos e que toda a sociedade se implique nesta loita. Este ‘xti’ é unha apelación directa a toda a sociedade, ao tempo que alude a un efecto multiplicador para reinvidicar e acadar os cambios precisos”. 

A campaña inclúe un acto central na mañá do propio 8 de marzo, con intervencións institucionais e unha pequena actuación musical, e a realización de 10 vídeos que se difundirán a través das redes sociais e da canle de youtube da Deputación para, segundo dixo Muíño, “poñerlle cara e voz aos datos, con mulleres e homes que nos conten a súa realidade e o seu relato”.

Estes vídeos, que comezarán a difundirse a partires do día 8 de marzo, baséanse en testemuños de persoas que achegan unha situación concreta asociada a datos e cifras e que explican como loitan para mudala. Trátase de achegar a circunstancia de persoas reais, nos seus espazos do día a día, abordando diversas realidades laborais en entidades do ámbito da igualdade. A súa difusión a través de redes sociais tamén está orientada a buscar a implicación da sociedade na súa difusión, de cara a acadar o efecto multiplicador que propón a campaña. 

A realidade da muller galega en datos
María Muíño lembrou que no Pleno provincial do pasado venres se aprobou unha declaración institucional na que se recollían os datos máis recentes que afectan á realidade da muller:
    • 75,5% das persoas ocupadas a tempo parcial en Galiza no último trimestre de 2021 foron mulleres
    • O emprego temporal medra máis nas mulleres, un 13,5% fronte tan só un 3,2% entre os homes e teñen a maior taxa de temporalidade: 28,2% fronte ao 23,9% no caso dos homes
    • Malia as declaracións de intencións, a fenda salarial segue a ser unha realidade que en Galiza supera os 4.000 euros ao ano
    • 73% do emprego que se perdeu en Galiza foi entre mulleres
    • 87% das persoas inactivas por coidado de menores ou persoas dependentes en Galiza son mulleres
Na mesma declaración institucional, a Deputación comprometeuse a realizar un programa de visibilización, sensibilización, motivación e orientación vocacional para rachar os estereotipos de xénero no acceso aos itinerarios formativos -en liña con unha das medidas recollidas na Diagnose de Igualdade realizada pola Deptuación-.

Ademais, a institución provincial tamén acordou intensificar o labor da Inspección de Traballo e Seguridade Social e demais accións de promoción contra a fenda salarial e pola igualdade efectiva no traballo, ao abeiro do plan Emprega en Feminino; e pedir que non se demore máis a tramitación da ratificación do convenio 189 da OIT e atenda as demandas dos colectivos de traballadoras do fogar para avanzar na súa dignificación e protección.

María Muíño presentou ‘Mobilizadxs xti’, a campaña coa que a Deputación apela á loita contra a desigualdade da muller na sociedade actual