Novas

Anxela Franco en María Pita este martes

O proceso de posta en común cos concellos do Plan de Acción de Servizos Sociais da Deputación da Coruña avanza con xuntanzas nas cidades, despois de visitar as distintas comarcas no encontro con persoal técnico e político municipal. O concello da Coruña acolleu onte martes a xuntanza en que participaron a deputada, Ánxela Franco, e as concelleiras Rocío Fraga e Silvia Cameán ademais dunha ampla representación dos equipos técnicos das áreas das dúas institucións. Na reunión, Ánxela Franco deu conta da elaboración do Plan de Acción de Servizos Sociais, iniciado o pasado mes de marzo, como un proceso participativo que quixo contar con representantes do ámbito político e técnico municipal ademais das entidades que están a traballar no sector dos servizos sociais. Ademais, analizáronse distintos programas das políticas de benestar social da Coruña e estudáronse posíbeis liñas de colaboración con respecto de iniciativas como o Servizo de Axuda no Fogar ou a atención a persoas máis necesitadas, con vista tamén a transferir coñecementos a concellos máis pequenos, cos que a Deputación da Coruña traballa directamente. "Como noutras xuntanzas quixemos explicar o resultado do proceso en que participaron xa máis de 200 persoas en mesas de traballos comarcais e que contou tamén coa opinión e a información de entidades e colexios profesionais e que, ao noso ver, será unha ferramenta de especial relevancia no sector", sinalou a deputada Ánxela Franco.
Anxela Franco en María Pita este martes