Xosé Regueira agarda axilidade das administracións para responder ás urxencias do sector da hostalaría

Xose Regueira. BNG
Xose Regueira. BNG
O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado do BNG lamenta que non se chegase ao fondo único de 140 millóns que defendía
Xosé Regueira agarda axilidade das administracións para responder ás urxencias do sector da hostalaría
O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado do BNG, Xosé Regueira, lamenta que as xuntanzas convocadas polo Cluster de Turismo non derivaran no acordo dun fondo único de 140 millóns de euros, mesmo así, valora o inicio dun diálogo que obrigou á Xunta a ampliar o orzamento destinado ao fondo de 50 a 75 millóns de euros.

O tamén responsable da área de Turismo da Deputación da Coruña,  Xosé Regueira, lamentou que na reunión convocada polo Cluster de Turismo non se chegara a un acordo para un fondo único de 140 millóns de euros que serían vitais para o sector e se correspondería ao 1% que demandaran de todas as administracións. "Asistimos á reunión con espírito construtivo e, a pesares de non conseguir un acordo, abriuse un proceso que deberá continuar xa que, desgraciadamente, serán necesarias máis axudas", sinala Regueira que avogou porque os modelos que se articulen sexan áxiles e respondan á dramática situación do sector.

Con respecto ás reunións convocadas polo Cluster ás que asistiron representantes da Xunta, as catro Deputacións e a FEGAMP, valorou o cambio de posicións que significou este encontro que, sen conseguir os obxectivos, supuxo un incremento do orzamento previsto de inicio para o rescate do sector. "A nosa propostas era o 1% do orzamento de cada administración o que significarían 140 millóns de euros. A Xunta puxo sobre a mesa 50 millóns, moi por baixo do que lle correspondería e que era o punto de partida das nosas negociacións pero na segunda reunión subiu 25 millóns máis, o que consideramos un avance das propias negociacións", sinalou Regueira. "O  BNG apostou desde o primeiro momento pola proporcionalidade do apoio das administracións en función desa porcentaxe do 1% que foi asumido polas catro deputacións mais non pola Xunta e nós estabamos, a pesar dese esforzo, en disposición de que houbera unha xestión única porque o prioritario neste momento é a resposta urxente á situación crítica do sector", apunta.

Xose Regueira. BNG

"Asistimos ás xuntanzas con responsabilidade e tendo como único obxectivo apoiar un sector en crise que está a vivir unha situación dramática. Desde a nosa óptica, era necesaria máis altura de miras e deixar fóra calquera interese que non fora o do propio sector, que é o único que, desde o BNG, sinalamos en todo momento", explica Xosé Regueira que continúa a defender coordinación das administracións á hora de iniciar unha xestión que ten que ser "áxil e inmediata".

"Só hai que escoitar o sector para saber a situación crítica pola que está a pasar. Non vale xa enredar nin demorar máis tempo, hai que actuar xa e comprometer a todas as administracións no rescate do sector", apuntou Xosé Regueira que lamentou tamén que a Xunta agochara no inicio das conversas que o orzamento do plan de rescate non ía ir só para o sector do turismo senón para o conxunto dos afectados pola crise do coronavirus. "Na Deputación temos xa liñas abertas para outros sectores e viñemos á xuntanza convencidos de que estabamos a falar dun fondo único para a hostalaría. Foi na propia reunión, e despois de varias preguntas, cando soubemos que non era así. Cando se vai a unha convocatoria con outros axentes hai que ir coas cartas sobre a mesa, é fundamental, para o ben do sector e para os bos resultados das negociacións", apuntou.
 

Xosé Regueira agarda axilidade das administracións para responder ás urxencias do sector da hostalaría