OOOOOOOOOOOOOOOOO

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira e o alcalde de Valdoviño supervisan a recta final da construción do aparcadoiro e campo de fútbol e mellora de viais en Meirás

Xosé Regueira, visitou as obras e destacou a relevancia do proxecto para o turismo e e veciñanza.
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira e o alcalde de Valdoviño supervisan a recta final da construción do aparcadoiro e campo de fútbol e mellora de viais en Meirás

O vicepresidente e deputado de Turismo e Plans, Xosé Regueira, visitou onte á tarde as obras que a Deputación da Coruña financia na parroquia de Meirás, no Concello de Valdoviño, a poucos días do seu remate e que van supoñer unha mellora na accesibilidade ás praias de Punta Frouxeira e na protección do espazo natural, así como a creación dun novo equipamento deportivo. Na visita reuniuse co alcalde de Valdoviño, Alberto González Fernández, e distintos membros do seu goberno, que valoraron a relevancia da actuación para a parroquia e o propio concello.

En só uns días -dependendo da situación climatolóxica- estará rematada a actuación urbanística na parroquia de Meirás, que permitirá aumentar a accesibilidade aos espazos naturais da contorna das praias de Punta Frouxeira, a mellora dos camiños e a dotación dun novo equipamento deportivo. Para a súa finalización, como puido comprobar o vicepresidente da Deputación da Coruña e responsábel de Plans e Turismo, Xosé Regueira, na súa visita ás obras, só resta a cuberta do novo campo deportivo con herba artificial, o que se fará en canto as condicións meteorolóxicas o permitan.

"A actuación responde a unha demanda da veciñanza, tanto da asociación veciñal como do club de fútbol, e tamén do propio concello porque era unha urxencia para preservar unha zona de grande valor turístico e natural, cunha paisaxe impresionante que forma parte do proxecto do Xeoparque de Ortegal e que é un recurso de grande interese que cada vez recibe máis visitantes", sinalou na súa visita Xosé Regueira.

Con esta remodelación da zona conséguese, segundo o vicepresidente da Deputación a Coruña, "reordenar o tráfico que, en especial no tempo de verán, visita as praias da parroquia e tamén dotar á veciñanza dun novo equipamento que permitirá un maior uso e a posibilidade de desenvolver prácticas deportivas sen ter que trasladarse a outras localidades", explicou o vicepresidente da Deputación.

Para o alcalde de Valdoviño, Alberto González Fernández, a obra supón "un antes e un despois para a parroquia de Meirás e todo o concello coa posibilidade de dispor dun espazo deportivo non só para o fútbol senón tamén para outros deportes de campo de herba artificial e tamén a oportunidade dun aparcamento disuasorio para todo o espazo protexido co cal xera moitas potencialidades desde o punto de vista turístico e de coñecemento para este lugar de grande interese natural e paisaxístico".

De especial interese é para o alcalde, de cara á promoción turística do territorio, o aparcamento disuasorio que permitirá "a moita máis xente gozar das marabillas do espazo, desde a paisaxe que se divisa desde o faro de Meirás, os restos das estruturas defensivas de Punta Frouxeira, a capela do Porto, unha das imaxes máis fotografadas da provincia, ou a posibilidade de coñecer as minas de arsénico que foron explotadas até hai pouco, conxugado todo isto con magníficas praias como as de Mourillá, Frouxeira ou praia do Río".

No marco da visita, Alberto González Fernández quixo agradecer "a implicación da Deputación da Coruña, en concreto da área de Turismo, que, sen a súa querenza por este espazo non poderíamos desenvolver este proxecto que, a día de hoxe, é xa unha realidade".

Un proxecto de reordenación de 320.000 €

O proxecto urbanístico e de construción do novo equipamento deportivo que agora chega ao seu fin conta cun orzamento próximo aos 320.000 euros dos que un 80% proveñen de fondos da Deputación da Coruña e supón unha remodelación de especial relevancia para a contorna da parroquia de Meirás. Até a actualidade, a grande afluencia de visitantes, en especial o tránsito cara as praias na época de verán, provocaba colapso de vehículos e a dificultade de acceso ao litoral que linda co campo de fútbol de Meirás.

Con este proxecto, ordénase e mellórase a accesibilidade dos espazos naturais coa creación dun amplo aparcamento disuasorio e a mellora dos camiños municipais existentes na contorna, o que tamén conseguirá impedir a invasión do dominio público marítimo terrestre por parte de vehículos, organizando o tránsito peonil nos arredores.

O proxecto, con especial atención polo valor natural e paisaxístico da zona, incorpora criterios de sostibilidade ambiental, con deseños integrados na contorna e materiais brandos e reciclables.

A actuación, que inclúe a construción de beirarrúas perimetrais de dimensións acaídas para o tránsito de peóns e persoas con mobilidade reducida, delimita as zonas de aparcamento para a organización do tráfico rodado e acondiciona os camiños da zona, complétase coa creación dunha instalación multideportiva de céspede sintético.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira e o alcalde de Valdoviño supervisan a recta final da construción do aparcadoiro e campo de fútbol e mellora de viais en Meirás