A institución provincial non comparte que haxa que indemnizar aos Franco polos gastos de conservación do inmoble

Meirás. BNG
Meirás. BNG

A Deputación expresa a súa satifacción pola sentenza que avala a titularidade pública do Pazo de Meirás

A institución provincial non comparte que haxa que indemnizar aos Franco polos gastos de conservación do inmoble

A Deputación da Coruña expresa a súa satisfacción polo auto da Audiencia Provincial que rexeita o recurso da familia Franco e confirma que o Pazo de Meirás é propiedade do Estado.

O Goberno presidido por Valentín González Formoso considera que a sentenza pon en valor, unha vez máis, o papel desenvolvido pola Deputación da Coruña na recuperación do Pazo de Meirás, xa que impulsou a Xunta Pro Devolución do inmoble en 2017.

Por outra parte, o goberno da Deputación non comparte a parte da sentenza que recoñece o dereito da familia Franco a ser indemnizada polos gastos de conservación do pazo desde o ano 1975.

"Á marxe deste punto que non compartimos, e cremos que a maioría da sociedade non entende, temos que estar hoxe satisfeitos, lembrando a ofensiva institucional impulsada pola Deputación xunto aos concellos de Sada e A Coruña, á Universidade da Coruña e a numerosas institucións e asociacións de memoria histórica da provincia cun obxectivo común que entón semellaba realmente ambicioso e difícil de cumprir: devolver o Pazo de Meirás ao patrimonio público", afirmou o presidente da Deputación.

O informe xurídico da Deputación foi unha peza fundamental na que se apoiou a Avogacía do Estado para demostrar o espolio, xa que foi o primeiro que apuntou a teoría dun 'contrato simulado' en 1941, co que os Franco trataron de apropiarse a título particular dun inmoble que xa fora adquirido en 1938 con achegas económicas de institucións públicas e presuntas doazóns particulares, que foron forzosas na maioría dos casos.

A institución provincial non comparte que haxa que indemnizar aos Franco polos gastos de conservación do inmoble