DE FRONTE á violencia de xénero, campaña do 25N desde a área de Igualdade da Deputación

Máis de cincuenta concellos sumáronse xa á que quere ser un "movemento social" para poñer fin ao feminicidio
DE FRONTE á violencia de xénero, campaña do 25N desde a área de Igualdade da Deputación

 "DE FRONTE á violencia de xénero" é o lema da nova campaña da área de Igualdade da Deputación da Coruña que busca plantarlle cara ao feminicidio e implicar á sociedade para "non mirar para outro lado" e sumar forzas para a súa erradicación. Máis de cincuenta concellos adheríronse xa á iniciativa que busca mobilizar á sociedade fronte á violencia machista.

O 25 de novembro celébrase o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e desde a Área de Igualdade da Deputación da Coruña ponse en marcha DE FRONTE á violencia de xénero, unha campaña e programa de actividades que apela directamente á implicación social, de maneira especial aos concellos e tamén ás distintas entidades sociais que traballan no territorio.

"O obxectivo é que a sociedade se conciencie de que ninguén pode estar impasíbel fronte ao feminicidio. Non vale mirar para outro lado, agochar a mirada e dar á volta á esquina para pasar por riba do problema. Á violencia machista temos que poñerlle freo de cara, de fronte, mirando directamente e buscando solucións, concienciándonos da súa gravidade e poñéndonos da parte das mulleres", explicou a deputada de Igualdade, María Muíño, na presentación da campaña que bota a andar a través dos máis de cincuenta concellos que xa se sumaron á iniciativa e tamén na rede, con páxina web propia e distintas actividades que, por mor da pandemia, se desenvolverán maiormente de maneira telemática.

Nesta sentido, a Deputación apostou por primar na imaxe os ollos que miran directamente co lema "DE FRONTE á violencia de xénero" que se repetirán nunha campaña nos medios de comunicación e tamén en diversos soportes de difusión, entre eles, algúns que convidan a participar activamente na campaña incorporando os ollos propios á imaxe e difundindo o resultado nas redes sociais.

"A imaxe busca fomentar un movemento social contra a violencia machista, plantándolle cara, implicándose, denunciando, por exemplo, se son testemuñas de casos, comprometéndose coas mulleres", explica María Juanatey, da empresa Bululu Creativos, creadora da campaña.

Mediante esta iniciativa procúrase promover a creación dunha rede de administracións locais e entidades sensibles e comprometidas coa igualdade e a erradicación da violencia machista, xerando sinerxías entre elas, coa propia Deputación, e co resto da sociedade. Entre os seus obxectivos tamén se encontra a sensibilización social fronte á violencia machista, así como fornecer de recursos accesibles ou apoiar a diversificación da oferta de actividades socioculturais relacionadas coa igualdade de xénero.

Desta maneira, o proxecto responde a medidas do Plan de acción das políticas de igualdade de xénero da provincia da Coruña (2019-2023) no que se recolle como obxectivo a "creación dunha rede de Concellos pola igualdade e contra a violencias machistas na provincia da Coruña", polo que os municipios que se sumen comprometeranse a un decálogo que inclúe políticas activas contra o machismo.

Programa de actividades

Entre as actividades que forman parte do programa a partir do día 4 de novembro ofreceranse en liña e en aberto tres conferencias que abordarán a violencia de xénero desde diferentes perspectivas, como o da mocidade, da man de Vanessa Rodríguez Pousada, das tecnoloxías da información, con Sara Vierna Fernández, e dos medios de comunicación, con Ana Sanmartín López.

Ademais, para públicos de todas as idades, terá lugar entre o 9 e o 15 de novembro unha actividade guiada por Palmira Castro de narración poética que incluirá unha acción colectiva de origami nas redes sociais. "Sira e a illa" é o título da proposta que se manterá na rede durante seis días e poderá ser unha ferramenta de achegamento e concienciación en centros de ensino e outras entidades. "Contos de nenas grandes e pequenas", unha produción de Marta Ortiz e Brais das Hortas para nenas e nenos, estará tamén en aberto do 23 ao 29 de novembro e do 4 ao 26 de novembro poderase participar no Desafío poético, un concurso que consistirá en compartir en Facebook ou Twitter un texto poético, propio ou non, con premio en compra de libros nunha libraría. A estas actividades únese a creación dunha web específica da campaña, defronte.gal, que conta con información sobre o proxecto, propostas de recursos de utilidade e acceso ás diferentes actividades. Por último, a campaña verase reforzada por oito pequenos vídeos onde diferentes persoeiros da cultura galega recitarán versos contra as violencias machistas.
 

DE FRONTE á violencia de xénero, campaña do 25N desde a área de Igualdade da Deputación