Os exteriores do Pazo de Meirás abriranse ao público o 30 de xaneiro

Meirás. BNG
Meirás. BNG

O comezo das visitas ao interior do edificio están previstos a partir da segunda quincena de marzo se as condicións de seguridade son as adecuadas

Hoxe tivo lugar a segunda reunión da Comisión Técnica do Pazo de Meirás na que participou o Goberno do Estado, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e os concellos de Sada e A Coruña.

Os exteriores do Pazo de Meirás abriranse ao público o 30 de xaneiro

Hoxe tivo lugar a segunda reunión da Comisión Técnica do Pazo de Meirás na que, entre outros asuntos tratados, se anunciou que o próximo sábado 30 de xaneiro se abrirán ao público os exteriores do emblemático edificio.

Debido á situación epidemiolóxica actual do Concello de Sada, para o que a Consellería de Sanidade anunciou un inminente peche perimetral, acordouse que neste primeiro momento a apertura dos exteriores do Pazo será unicamente para os veciños e veciñas do municipio.

Por outra banda, tamén se propuxo que o comezo das visitas do público ao interior do edificio se leve a cabo a partir da segunda quincena do mes de marzo, sempre e cando as condicións de seguridade e sanitarias así o permitan. Para que isto ocorra, previamente deben finalizar os amaños dos danos existentes e tamén da instalación eléctrica polo que é posible que se abran algunhas estancias antes ca outras.

Outros asuntos

Na reunión abordouse a creación dun grupo de expertos e expertas co obxectivo de reflexionar sobre os futuros usos do Pazo de Meirás, que se constituíu do seguinte xeito: pola Administración Xeral do Estado, Xosé Manuel Núñez Seixas, Juan Manuel Rodríguez Blanco e Manuel Regueiro López; pola Xunta de Galicia, Ramón Villares e Isabel Burdiel; pola Deputación da Coruña, Carlos Babío e Emilio Grandío; polo Concello de Sada, Manuel Pérez Lozano; polo Concello da Coruña, José Alfeirán Rodríguez; pola Real Academia Galega, Marilar Aleixandre e polo Consello da Cultura Galega, Rebeca Blanco Rotea.

Ademais, anunciouse que se está a preparar unha exposición na que se fará o relato da historia do Pazo de Meirás, explicada en todas as súas fases: desde a figura de Pardo Bazán ata a etapa máis recente caracterizada pola reivindicación para recuperalo para a cidadanía e tamén pasando polo uso do edificio como sede estival do ditador Francisco Franco.

Por último, comezou a articularse un convenio de colaboración entre as institucións galegas e a Administración Xeral do Estado para o mantemento do inmoble, que será estudado para poder facer as pertinentes modificacións e observacións.


 

Os exteriores do Pazo de Meirás abriranse ao público o 30 de xaneiro