A Deputación da Coruña afirma que a Xunta "FALTA Á VERDADE" ao soster que apoiou á hostalaría en solitario

Xosé Regueira BNG
Xosé Regueira BNG

A institución provincial lembra que destinou este ano 15,5 millóns de euros en axudas para a reactivación económica e sempre apostou pola colaboración cos concellos para executalas

Desde o comezo da pandemia hai un ano, o presidente da Deputación pediu en reiteradas ocasións a coordinación das liñas de axudas das diferentes administracións para que a reactivación fose máis efectiva e a Xunta fixo caso omiso

Agora o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, anuncia un "fondo de cooperación" no que estipula a porcentaxe concreta de participación de cada administración sen reunirse previamente para acordalo

A Deputación da Coruña afirma que a Xunta "FALTA Á VERDADE" ao soster que apoiou á hostalaría en solitario

A Deputación da Coruña considera que a Xunta de Galicia "falta á verdade" ao soster que apoiou á hostalaría en solitario e considera que os plans de axudas da administración autonómica "chegaron tarde, cando as entidades locais xa tiñan activados plans de axudas por importe de varios millóns de euros para os sectores máis afectados polas consecuencias da pandemia".

No caso concreto da Deputación da Coruña, en 2020 fixo un esforzo económico sen precedentes para pór en marcha, en colaboración cos concellos, axudas por 15,5 millóns de euros, dos que 3 millóns se destinan a complementar os plans de apoio á hostalaría e comercio das grandes cidades: A Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol, que nalgúns casos xa traballan en novas convocatorias destes. En total as administracións locais da provincia da Coruña puxeron preto de 28 millóns de euros en axudas e foron as primeiras en reaccionar á crise económica que a Covid-19 supón para as pequenas empresas e autónomos da provincia.

A colaboración como método de traballo

Desde o comezo da pandemia hai un ano, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, vén reclamando colaboración e coordinación das liñas de axudas das diferentes administracións para a reactivación económica co obxectivo de que sexan máis efectivas e cheguen a todos os que as necesitan. Un chamamento que o presidente do ente provincial expresou en reiteradas ocasións e do que a Xunta sempre fixo caso omiso.

Onte, tras unha reunión cos hostaleiros, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou un "fondo de cooperación" no que estipulaba porcentaxes concretas de participación das deputacións e os concellos sen reunirse nin consultalo previamente coas entidades locais, que xa están desenvolvendo os seus propios plans de axudas.

A Deputación da Coruña considera que boa parte dos atrasos no cobro das axudas vén dado precisamente porque a Xunta non asumiu as súas competencias e non liderou a necesaria coordinación de todas as administracións galegas, o que ocasionou que cada administración local puxera en marcha liñas diferentes.

A Deputación da Coruña afirma que a Xunta "FALTA Á VERDADE" ao soster que apoiou á hostalaría en solitario