Turismo da Deputación da Coruña avanza na colaboración coa Asociación Galega de Axencias de Viaxes no deseño que paquetes turísticos

Xosé Regueira. BNG
Xosé Regueira. BNG
O vicepresidente, Xosé Regueira, reuniuse con representantes da Asociación Galega de Axencias de Viaxes (AGAVI)
Turismo da Deputación da Coruña avanza na colaboración coa Asociación Galega de Axencias de Viaxes no deseño que paquetes turísticos

A área de Turismo da Deputación da Coruña, que dirixe o tamén vicepresidente Xosé Regueira, estuda a colaboración coa Asociación Galega de Axencias de Viaxes (AGAVI) no deseño de paquetes turísticos territorializados nos seis xeodestinos da estratexia da institución. Así se decidiu nunha xuntanza que hoxe mantivo Xosé Regueira con representantes da entidade.

O vicepresidente e responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, reuniuse cunha delegación da Asociación Galega de Axencias de Viaxes (AGAVI) composta polo presidente Juan Rivadulla, o tesoureiro Óscar Regal e o vicepresidente Francisco Candocia nun encontro en que se decidiu estudar unha nova vía de colaboración que consiste na elaboración de novos paquetes turísticos no ámbito dos seis xeodestinos da estratexia de promoción da institución.

Na xuntanza os representantes de AGAVI trasladaron ao vicepresidente a situación "crítica" pola que atravesa o sector polos efectos demoledores da pandemia que se manifestou na nula facturación dos seus distintos negocios. Neste sentido, os datos que achegaron poñen de manifesto a urxencia de tomar medidas para manter os postos de traballo e as pequenas empresas dun sector de especial relevancia para a promoción turística do territorio dos concellos.

"Queremos destacar o papel que desenvolven as axencias na promoción turística dos seis xeodestinos en que artellamos a nosa estratexia e, nese sentido, estamos a estudar colaborar no deseño e posta en valor de distintos paquetes turísticos que articulen os riquísimos recursos cos que contamos de maneira profesional, sabendo o que interesa e o que é interesante vender", explica Xosé Regueira despois da xuntanza.

Neste sentido, Deputación e AGAVI estudan os termos para colaborar na paquetización de produto no ámbito dos seis xeodestinos tanto para venda en feiras como para distintas accións comerciais de promoción e exportación dos recursos. "A acción ten como obxectivo aproveitar a profesionalidade do sector para ofrecer paquetes elaborados que responden aos intereses do mercado e tamén contribuír a manter un sector do que depende non só a calidade turística senón tamén unha importante cantidade de postos de traballo que están agora en serio risco", apuntou Xosé Regueira.

Turismo da Deputación da Coruña avanza na colaboración coa Asociación Galega de Axencias de Viaxes no deseño que paquetes turísticos