O Teatro Colón acolle desde este xoves as xornadas sobre danza e artes vivas de Cultura da Deputación da Coruña

Xurxo Souto. BNG
Xurxo Souto. BNG
O encontro analizará o estado danza e as artes vivas con profesionais do ámbito creativo, a xestión, a programación e a crítica. As xornadas retransmitiranse tamén a través de streaming
O Teatro Colón acolle desde este xoves as xornadas sobre danza e artes vivas de Cultura da Deputación da Coruña

As xornadas sobre danza e artes vivas, que forman parte do programa "A Cultura é un Dereito" da área de Cultura da Deputación da Coruña, analizarán ao longo dos días 11 e 12 de marzo no Teatro Colón da Coruña a situación actual do sector, especialmente afectados pola pandemia. O ámbito creativo, a programación e a xestión ou a crítica e o xornalismo especializado daranse cita no encontro comisariado por Caterina Varela e Sabela Mendoza do proxecto "Cara unha escena plural".

O programa "A Cultura é un dereito" achégase á danza e as artes vivas a través de dúas xornadas de charlas e debates que levarán ao Teatro Colón a análise sobre o estado e o futuro da creación, programación e difusión desde voces diversas de todo o proceso artístico.

"O encontro con representantes do propio sector, o diálogo aberto e a formación son algúns dos obxectivos desta nova proposta do programa A Cultura é un dereito que promovemos co fin de activar debates e reflexións e poñer no foco un ámbito de especial relevancia mais que non se corresponde na presenza das programacións escénicas", sinala o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto que destaca a interesante proposta do programa preparado polas comisarias dunhas xornadas que se achegan a todos os ámbitos das artes vivas con discursos propios protagonizados por persoas comprometidas co seu traballo e co futuro do sector. Xurxo Couto abrirá ás 10 horas deste xoves día 11 o programa que continuará co debate sobre a presenza da danza na programación dos teatros.

Comisariadas por Caterina Varela e Sabela Mendoza, do proxecto "Cara unha escena plural", as xornadas avaliarán o desfase da creación artística da danza e artes vivas coa súa distribución en distintos espazos escénicos que fai que non se acade, "o recoñecemento social das súas achegas, perdendo a oportunidade dun diálogo social que hoxe semella pertinente, como é aquel que se produce no encontro dos corpos en movemento".

O programa diríxese, segundo as comisarias, a "toda a comunidade de danza ou artes vivas, mediadores, programadores, traballadores culturais das artes escénicas, responsábeis da administración e persoas interesadas ou xornalistas" e máis de oitenta persoas están xa inscritas para a súa participación que se fará presencial e tamén a través de streaming.

"O obxectivo é unha posta en común para avanzar no diálogo e debate social arredor do lugar que ocupa a danza no territorio e como se pode avanzar de aquí en diante, para gañar espazo nas programacións públicas e dignificar este ámbito creativo que ten neste momento unha grande fortaleza na comunidade artística galega", sinalan as comisarias que aspiran á "normalidade" da presenza nos escenarios do país.

Como en todas as disciplinas da cultura ao vivo, tamén a danza se viu afectada pola Covid 19 e, neste sentido, as comisarias entenden que é especialmente interesante o debate neste momento xa que que a danza apela aos corpos e é moi procedente porque é fundamental para a vida, para o debate social, para repensar a mobilidade, a internacionalización e a sustentabilidade".

Un programa desde a creación á crítica

O programa abrirase cun encontro sobre a programación de espectáculos de danza coa creadora e directora de Pisando Ovos, Rut Balbís, o xestor de Galiza Danza Contemporánea, Manu Lago; o coreógrafo e investigador, Javier Martín, o director do Teatro Rosalía, Xosé Paulo Rodríguez e a responsábel de programación da AGADIC, María Paredes. As persoas coordinadoras e os responsábeis do Auditorio García Márquez de Oleiros, Diego García; do Teatro Municipal de Tui, Miguel Alfaya; do Auditorio de Outes, Santiago Nieto; do Auditorio de Cariño, Jonathan Miranda; do Teatro Principal de Ourense, Olga Mojón e do Hernán Naval de Ribadeo, Pilar Otero protagonizarán a segunda das mesas redondas dun primeiro bloque que rematará cunha achega ás residencias artísticas con Félix Fernández e Javier Martín.

A crítica e os medios de comunicación serán protagonistas do encontro no que participará a directora de Vinte, María Yáñez; o director da Revista Galega de Teatro, Afonso Becerra, o cofundador de Teatron, Rubén Ramos e a xornalista Luísa Castiñeira. A renovación das relacións en termos de sustentabilidade, mobilidade e territorio centrarán o espazo en que intervirá a creadora Nuria Sotelo, o xestor Víctor López, o investigador Fran Quiroga e o xerente de Escena Galega, Diego Vázquez.

Nas xornadas, haberá lugar tamén para un achegamento á innovación xurídica, a participación e a cooperación coas achegas da avogada Ania González, a xestora Natalia Balseiro ou o director do festival MIT, Roberto Pascual. Fátima Anllo, directora do Observatorio de Creación e Cultura Independente, trasladará unha análise dos datos e a evolución das compañías independentes de danza nos últimos anos, apuntando algunhas propostas de futuro.

Artistas do ámbito da danza abordarán o tema da participación e colaboración nos procesos de creación en danza con Julia Laport, Sabela Domínguez, Fran Martínez e Xián Martínez xa nun segundo día de programa que rematará cun coloquio aberto sobre os códigos deontolóxicos e as boas prácticas das artes vivas co artista e xestor cultural Javier Cuevas, a creadora e xestora Cris Vilariño, a creadora Paula Quintas e a co-directora da Sala Ártika, Fernanda Barrio. Este programa de dous días no Teatro Colón estará acompañado por un obradoiro previo de CTR - Composición en Tempo Real, a cargo do reputado coreógrafo e performer portugués João Fiadeiro, os días 8, 9 e 10 no centro Ágora.

Para participar de xeito presencial é necesario inscribirse en aculturaeundereito.gal. Ademais, as xornadas serán retransmitidas por streaming, para facilitar o acceso a aquelas persoas que non poidan asistir presencialmente.

O Teatro Colón acolle desde este xoves as xornadas sobre danza e artes vivas de Cultura da Deputación da Coruña