A Rede Cultural da Deputación da Coruña mantivo o seu nivel de contratación a pesar da Covid

Xurxo Couto.BNG
Xurxo Couto.BNG

Das 1.307 actuacións concedidas no ano da pandemia a concellos tan só se cancelaron 51 e os concellos incluíron máis actuacións do circuíto da Deputación nos seus programas que o ano anterior

A Rede Cultural da Deputación da Coruña mantivo o seu nivel de contratación a pesar da Covid
A Rede Cultura da Deputación da Coruña mantivo o seu nivel de contratación no peor ano da súa historia polas limitacións impostas polo coronavirus. Das 1307 actuacións programadas polos concellos a través do circuíto provincial desde despois do confinamento, só se cancelaron 51. O deputado do BNG Xurxo Couto valora como "moi positivo o balance dunha edición difícil pero que se resolveu con ben para o sector e os concellos co cumprimento tamén dos protocolos sanitarios".

Contra o previsto polo confinamento que se produciu no inicio da época forte da programación,  a Rede Cultural mantivo o nivel de contratación de espectáculos e tamén a programación dos concellos que se canalizou por medio do circuíto provincial. Cando quedan aínda dous meses de desenvolvemento do programa máis complexo debido á decisión de ampliar o prazo da edición, desde o servizo de Cultura da Deputación da Coruña se avanza un balance que apunta a un lixeiro incremento do volume de contratacións por parte dos concellos e unha mínima anulación de espectáculos ao longo do ano.

"Para nós os datos demostran que durante este ano terríbel para o sector púidose facer cultura ao vivo con garantías sanitarias. Houbo cambios de datas e desde a Deputación ampliamos o prazo incluíndo o primeiro trimestre do ano, pero finalmente estamos contentos de que non se vise mermado o nivel de contratación, porque é fundamental para manter a empregabilidade da cultura", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

Cando quedan aínda máis de dous meses para que se peche o novo período de programación que se ampliou até o 31 de marzo, 1192 foron xa realizadas programadas por 90 dos concellos da provincia, fronte ás 1165 da edición anterior. Até o fin do período quedan coa previsión das solicitudes aprobadas, a cifra ascendería a 1307 eventos culturais nos programas municipais.

Alicerces en previsión

"A diferencia é que, pola situación sanitaria e pola necesidade de afondar no apoio ao sector profesional, nesta edición non se realizou o programa Alicerces para entidades, é dicir, o circuíto de actuacións non profesionais en entidades e limitouse á programación dos concellos pero agardamos que proximamente, cando a situación o permita, poder recuperar ese programa que, para nós, ten tamén unha relevancia especial na promoción da cultura tradicional fundamentalmente", explica Xurxo Couto.

A Rede Cultural contou nesta edición cun orzamento de 1.400.000 euros cos que se concedeu o total das solicitudes dos concellos e aínda se lle deu posibilidade dunha petición complementaria que incrementou o volume de contratación.

No que será o ano máis difícil para a cultura en directo, a Deputación da Coruña conseguiu manter a programación da rede nos 90 concellos nos que se desenvolve, con adiamentos de datas de celebración, co cumprimento dos protocolos sanitarios, con mínimas cancelacións e sen que se tiveran rexistrado notificacións de problemas derivados da pandemia.  "O balance sería, simplemente, que houbo Rede Cultural, que houbo programación e actividade económica para os sectores profesionais e que a cultura demostrou que pode ser segura nunha situación como a que vivimos ", anota Xurxo Couto.

O catálogo da Rede Cultural desta edición tamén é superior ao do ano anterior xa que incluíu un total de 1936 , case douscentos máis que os 1766 do ano 2019.

A Rede Cultural da Deputación da Coruña mantivo o seu nivel de contratación a pesar da Covid