O Quero Cantar convoca unha edición especial coa participación de Sés, Ugia, Paco Cerdeira, Belem Tajes ou Xosé Lois Romero

A convocatoria é unha dos tres premios musicais que convoca a área de Cultura da Deputación da Coruña xunto co Andrés Gaos e o Narf

Recoñecidas figuras da música titorizarán os grupos gañadores nun programa formativo do certame

O Quero Cantar convoca unha edición especial coa participación de Sés, Ugia, Paco Cerdeira, Belem Tajes ou Xosé Lois Romero

A área de Cultura da Deputación da Coruña convoca a quinta edición do Certame musical Quero Cantar cunha nova fórmula adaptada ás actuais circunstancias que inclúe, como unha das principais novidades, un programa formativo dirixido por figuras da nosa música como son Sés, Ugia, Paco Cerdeira, Belem Tajes ou Xosé Lois Romero. Ademais, os certames Narf de grupos musicais e Andrés Gaos de composición forman parte do catálogo de premios deste ano de Cultura da Deputación da Coruña.

O Quero Cantar regresa despois de que a pandemia impedira que o pasado ano se celebrase cunhas bases distintas que se adaptan de maneira especial á actual situación. Será a quinta unha edición especial marcada aínda polas condicionantes que impón a covid-19 na que, despois de estudar as propostas para unha maior seguridade, se optou por convocar unicamente a modalidade xuvenil.

Ademais, o desenvolvemento habitual do certame vese simplificado a unha soa fase e non se vai celebrar a gala final que cada ano colgaba o cartel de non hai entradas no Teatro Colón.

"Consideramos que esta nova fórmula é máis acaída para a situación que estamos a vivir e garante a seguridade das rapazas e rapaces participantes. Quixemos darlle unha volta e que se achegase ao mundo da música profesional, a figuras do panorama actual galego coas que poderán traballar e aprender todas as prácticas do oficio", sinala o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto.

Pola súa banda, o coordinador do premio, Tono Formoso, apunta que esta será "unha edición moi especial que permitirá a nenos e nenas dos grupos gañadores ter unha experiencia única achegándose a artistas que coñecen e admiran e de quen poderán aprender e partillar unhas xornadas que, sen dúbida, serán un agasallo neste tempo tan complexo".

Nesta edición, serán dúas as propostas seleccionadas que recibirán como premios, ademais da gravación dun videoclip, como xa viña sendo tradicional, incluirá a participación nun programa formativo, composto por diferentes accións, entre as que destaca a titorización por parte dun ou dunha artista de recoñecida traxectoria na música galega. Nesta primeira convocatoria con programa formativo artistas como Sés, Ugia, Paco Cerdeira, Belem Tajes ou Xosé Lois Romero confirmaron a súa participación para titorizar os grupos que pasen a selección do xurado.

A titorización constará dun primeiro período de formación en liña, no que a persoa escollida deberá guiar o grupo no desenvolvemento dunha nova canción e transmitiralle tamén a súa experiencia no mundo da música profesional. O proceso culminará cunha de fin de semana na que o grupo e a propia persoa titora gravarán a canción nun estudio profesional.

Ademais, o programa esténdese tamén a grupos de edicións anteriores que xa están a piques de comezar a súa formación. Os grupos participantes e as persoas que van realizar a titorización van ser "Os nenos da Vella" con Belem Tajes, "Quenindiole" con Xosé Lois Romero, "Máis Boas cás Patacas" con Sés, "Noa" con Ugía e "Pequenos Besbellos" con Paco Cerdeira.

Gaos e Narf

Neste ano, convócase tamén o Premio Andrés Gaos de Composición Musical que chega a súa décimo cuarta edición no que poden participar todas aquelas persoas, que non obtivesen o premio nos cinco anos anteriores a este, e que presenten obras inéditas e non premiadas con anterioridade en ningún outro premio ou certame.O autor ou autora da obra gañadora recibirá un premio de 6.500 €.

Pola súa banda, o premio XIII Narf para grupos e artistas musicais ábrese para acoller a participación de calquera grupo ou artista musical tanto naturais como residentes en concellos galegos, do ámbito da música pop e variantes como folk, rock, rap ou reggae, entre outras. Os premios consistirán en 3.000 € para o grupo gañador, 2.000 para o segundo clasificado, 1500 para o terceiro e 1000 para o cuarto e quinto.

O Quero Cantar convoca unha edición especial coa participación de Sés, Ugia, Paco Cerdeira, Belem Tajes ou Xosé Lois Romero