Igualdade da Deputación da Coruña convoca o concurso de viñetas "Moito por cambiar" sobre o impacto da Covid

BNG
BNG

Os traballos versarán sobre os efectos da pandemia na feminización da pobreza ou a precariedade laboral.

Poderán presentarse mozas e mozos de entre 12 e 18 anos

O prazo de entrega abrirá proximamente e prolongarase até o 26 de abril

Igualdade da Deputación da Coruña convoca o concurso de viñetas "Moito por cambiar" sobre o impacto da Covid

O impacto social da Covid, de maneira especial nas mulleres, é o tema central da décimo segunda edición do concurso de viñetas da área de Igualdade da Deputación da Coruña que este ano responde ao lema "Moito por Cambiar". A iniciativa forma parte da campaña promovida no marco do Día Internacional das Mulleres.

O Concurso de Viñetas da área de Igualdade da Deputación da Coruña chega a súa décimo segunda edición cunha convocatoria marcada pola pandemia que será o tema central dos traballos que concorran ao premio. Poderán presentarse mozas e mozos de entre 12 e 18 anos a unha iniciativa que teñen como obxectivo que o alumnado reflexione sobre os efectos e impactos da cOVID-19 no conxunto da sociedade, de maneira especial no relativo a sustentabilidade da vida que reclama novas demandas sociais e cambia as prioridades.

"Comprobamos como a COVID influíu de xeito negativo na vida das mulleres que foron quen máis padeceu os efectos, tanto no ámbito laboral como no persoal, facéndose cargo dos coidados e das profesións máis relacionadas coa pandemia. Consideramos, por iso, que o concurso de viñetas era unha estupenda ocasión para que mozas e mozos reflexionaran sobre o que aconteceu neste ano", explica a deputada de Igualdade, María Muíño.

Desta maneira, os traballos versarán sobre o factor multiplicador da COVID19 na precariedade laboral, a feminización da pobreza, as necesidades de coidados, os efectos negativos sobre a saúde física e o benestar emocional ou as violencias machistas.

Coa pandemia como pano de fondo, os traballos poderán tamén reflexionar sobre as desigualdades de xénero cun enfoque transversal e interseccional, achegándose aos efectos nas distintas mulleres, tendo en conta a idade, etnia, xénero, diversidade sexual ou discapacidade. Tamén poderán concorrer viñetas que visibilicen o recoñecemento do papel das mulleres na pandemia ou as propostas de cambios e transformación social de cara o futuro, en especial en ámbitos como a dignificación de traballos esenciais, redes de axuda ou grupos de apoio social.

Como en anteriores edicións, o premio contará con dúas categorías, unha para idades comprendidas entre 12 e 14 anos e outra para mozas e mozos de 15 a 18 anos. O primeiro premio será un iPAD e o segundo e o terceiro unha tablet ademais dunha colección de cómics que serán entregados nas tres categorías. O prazo de entrega abrirase proximamente, coa publicación no BOP da convocatoria e está previsto que peche o vindeiro 26 de abril.

A convocatoria forma parte do programa da área de Igualdade da Deputación da Coruña "Moito por cambiar" deseñado para conmemorar o Día Internacional das Mulleres que, entre outras iniciativas contempla a achega de ferramentas para a mocidade con referentes para xerar discursos alternativos desde os que fomentar a igualdade e actuar ante o machismo e a LGTBfobia, con especial atención ás novas tecnoloxías e ás redes sociais.
 

Igualdade da Deputación da Coruña convoca o concurso de viñetas "Moito por cambiar" sobre o impacto da Covid