O PROGRAMA FORMATIVO INCLUIRÁ UNHA RESIDENCIA DOS GRUPOS NO PAZO DE MARIÑÁN CON QUEN OS TITORICE

Cinco figuras da música actual incorpóranse ao novo Quero Cantar da Deputación da Coruña

Xurxo Couto.BNG
Xurxo Couto.BNG
SÉS, Belén Tajes, Pakolas, Ugia e Xosé Lois Romero titorizarán a grupos musicais de crianzas e mozas e mozos.
Cinco figuras da música actual incorpóranse ao novo Quero Cantar da Deputación da Coruña

O concurso Quero Cantar de Cultura da Deputación da Coruña convértese neste ano nunha experiencia nova que porá en conexión grandes nomes da música galega contemporánea cos grupos musicais gañadores en anos anteriores aos que se sumarán os seleccionados nesta nova edición. SÉS, Belén Tajes, Pakolas, Ugia e Xosé Lois Romero titorizarán a artistas de pouca idade nunha experiencia única que terá o Pazo de Mariñán como escenario.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, o coordinador do premio Tono Formoso xunto con Paco Cerdeira, Pakolas, Xosé Lois Romero e Belén Tajes participaron na presentación da nova proposta do Quero Cantar que será unha ponte entre grandes nomes da música contemporánea e grupos de músicos e músicas de pouca idade que poderán partillar desta maneira nunha experiencia única.

"Despois dun ano en que, como é ben sabido, o Quero Cantar non se puido celebrar pola pandemia, estamos hoxe especialmente felices de poder anunciar o regreso desta iniciativa que tanto queremos cunha edición moi especial", sinalou na súa intervención o deputado Xurxo Couto que anunciou que o concurso incorpora "o diálogo de grandes nomes da nosa música cos grupos gañadores de anos anteriores, nun encontro único e até agora nunca feito do que agardamos grandes cousas, entre outras, asistir a un chanzo máis na formación do que serán os grupos musicais de referencia do futuro".

Neste sentido, o próximo fin de semana comezarán os encontros entre os gañadores de anos anteriores e músicos recoñecidos do panorama actual que se encargarán de titorizara grupos musicais de mozas e mozos. Desta maneira, SÉS traballará coas "Máis boas cas patacas", Belén Tajes con "Os nenos da Vella", Xosé Lois Romero será titor de "Os Quinindiola", Belén Tajes de "Os nenos da Vella", Ugia de Noa e Pakolas acompañará aos "Pequenos Besbellos".

Ademais, novos grupos de mozos e mozas poderán presentar as súas maquetas para participar no programa formativo até o 30 de setembro. Dúas propostas serán seleccionadas e nomearanse novos titores e titoras para ser protagonistas desta academia musical do Quero Cantar.

Titoriais virtuais e residencia no Pazo

"O Quero Cantar é, pois, nesta edición, unha ponte de conexión entre a mocidade e o mundo da música en galego, un programa formativo, unha academia musical na nosa lingua e, non temos a menor dúbida, unha experiencia única para todas as persoas que participan nel", apuntou Xurxo Couto.

O coordinador da iniciativa, Tono Formoso, destacou que " xa é motivo de alegría que esta nova edición se convoque e máis se é con novas posibilidades como as titorías en liña con grandes nomes da música e unha residencia musical no Pazo de Mariñán onde se gravará unha canción e os mozos e mozas se achegarán a coñecementos necesarios para a súa carreira musical a pesar de que, infelizmente, non haberá a gala final a causa da pandemia e tampouco categoría infantil, algo que, se todo vai ben, se poderá recuperar proximamente".

Na súa intervención, Belén Tajes mostrou "envexa con esta rapazada" e sinalou que lle gustaría "ser moza para vivir unha experiencia así" ademais de dicir que afronta o reto con "moitísima responsabilidade e intriga para ver como resulta esta aventura".

Pola súa parte, Paco Cerdeira, Pakolas, agarda da súa nova participación no Quero Cantar "pasalo ben e que as mozas e mozas podan aprender coñecementos para facer cancións" e sinalou que tampouco ten dúbida de que el mesmo aprenderá do convivio musical. Finalmente, Xosé Lois Romero, parabenizou por unha iniciativa que lle pareceu "fascinante" "Ogallá cando fose pequeno tivera unha oportunidade así! A música é unha actividade social xusta e democrática, é interxeracional e será un pracer conectar coa xente nova co Quero Cantar", sinalou.

Artistas participantes

SÉS

En 2007 fundou o grupo rock Chámalle Xis e en 2010 iniciou o seu camiño en solitario co que publicaría o seu primeiro traballo en 2011 Admirando a condición, ao que seguirían os discos discos Co xenio destrozado (2013), Tronzar os valos (2015), Opoñerse á extinción (2016), Readmirando a condición (2017), Rabia ao silencio (2019) e Liberar as arterias (2020). Sés é a compositora da maior parte das cancións dos seus discos e interpreta guitarra e voz.

Belén Tajes

Cantante, compositora e especialista en Musicoterapia. Formou parte como vocalista principal na xira XXX Aniversario de Luar na Lubre. Participa en formacións musicais de referencia como Xosé Lois Romero e Aliboria, Moura, Hemisferios, con Uxía Senlle e Ugia PEdreira, co gaiteiro Xulio Lorenzo, con Pesdelán, e foi parte do coro feminino Sisters in the House de Carmen Rey. Lidera o proxecto Vudú, galardoado cos premios Martín Códax e Opinión. Vén de editar o seu primeiro libro sobre música "Cantos do mar de Irlanda".

Paco Cerdeira-Pakolas

Comezou co grupo de referencia da música infantil Mamá Cabra e no ano 2014 fundou a súa propia banda de música, A Gramola Gominola que nace cun libro-CD do mesmo nome e dous anos despois editará "Cancións para desafinar" para, despois, publicar "Bravas. O rexurdir da luz" co que acada o Premio Martín Códax en 2018. En 2015 nace o seu proxecto máis persoal, Pakolas que dá nome ao seu primeiro traballo ao que seguiría "Ramona Órbita, a dona do tempo".

Xosé Lois Romero

Acordeonista, percusionista, compositor, produtor e divulgador é un nome de referencia da música galega actual, ten participado en proxectos como Lelia Doura, Nova Galega de Danza, Vaamonde, Lamas e Romero, aCadaCanto ou Aliboria. Conta con tres Premios Martín Códax e colaborou con artistas como Mercedes Peón, Fuxan os Ventos, Leilía, Guadi Galeog, Xabier Díaz, Radio Cos.

Ugia Pedreira

Compositora e produtora, edita 11 discos con diferentes formacións como Chouteira, Marful, Nordestina, Eléctica Emsemble, A Descarga ao Vivo, Acróbata e na súa traxectoria atópase a creación e dirección do Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque (2000-2013). Ugia é unha das principais voces da música galego e actualmente comparte proxecto poético-musical con Marina Oural Villapol (MOV).

Cinco figuras da música actual incorpóranse ao novo Quero Cantar da Deputación da Coruña