Dúas alumnas de Arzúa gañan o Concurso de Guións contra a violencia machista da área de Igualdade da Deputación

A obra "Escondite Inglés" das alumnas do IES de Arzúa, Ana Rodríguez Suárez e Andrea Peteiro Piñeiro, é a gañadora do VII Concurso de guións contra a violencia de xénero da área de Igualdade da Deputación da Coruña.
Dúas alumnas de Arzúa gañan o Concurso de Guións contra a violencia machista da área de Igualdade da Deputación

O xurado presidido pola deputada de Igualdade, a nacionlista María Muíño e composto pola técnica de Igualdade, Eva Ovenza, a profesora de Pedagoxía e Didáctica da Universidade da Coruña, Ana María Iglesias Galdo, a profesora do departamento de Artes Gráficas do IES Calvo Sotelo, Yurena Cano Vidal con Francisco Javier Sardiña como secretario, escolleu a obra das alumnas Andrea Peteiro e Ana Rodríguez como gañadora do XII Concurso de guións contra a violencia machista convocado pola área de Igualdade da Deputación da Coruña.

O xurado destacou do guión que responde ás bases e obxectivos do concurso cunha "boa estrutura técnica e unha dinámica moi traballada, que presenta a unha muller moi actual". A profesora do IES de Arzúa, Esperanza Rocamonde Iglesias, foi a titora das dúas alumnas para a realización do guión que resultou gañador do certame.

O premio consiste nun curso práctico de realización de curtas no que se producirá o vídeo sobre o guión gañador nun proceso en que as mozas gañadoras poderán ser partícipes e protagonistas ademais dun premio en metálico de 4.000 euros ao centro educativo, neste caso, o IES de Arzúa.

"Para nós esta iniciativa non só premia un guión senón que contribúe a debater sobre violencia machista nos centros de ensino e, ademais, ten como resultado un produto audiovisual que supón unha lección para eliminar o machismo e vencer o feminicidio na linguaxe de mozas e mozos que están nunha idade fundamental para construír un futuro en igualdade", sinala a deputada de Igualdade, María Muíño que felicita ás autoras do guión gañador por seren quen de reconstruír distintas situacións en que a violencia contra as mulleres está presente como aviso para alertar sobre os episodios que poden semellar cotiás e son realmente casos de violencia.
 

Dúas alumnas de Arzúa gañan o Concurso de Guións contra a violencia machista da área de Igualdade da Deputación