A Deputación financia un proxecto piloto de promoción da compostaxe nos concellos rurais da provincia
O deputado de Promoción Económica, Blas García, e o responsable de FRUGA, Manuel Dacal, asinaron o convenio para cofinanciar este programa, cun custe total de 60.338 euros, dos que a Deputación achega preto do 80%.
Blas García explicou que o proxecto xa está en marcha e, nunha primeira fase, desenvólvese nos concellos de Zas e Mazaricos coa intención de estendelo a máis municipios da provincia se ten éxito, co obxectivo de concienciar á poboación da necesidade de reducir a deposición de restos orgánicos nos contedores e de presentarlles a opción do seu aproveitamento.
Actualmente os traballadores do programa están a levar a cabo un diagnóstico, o máis preciso posible, da situación na que se atopan estes dous concellos con respecto á recollida de lixo así como do importe da factura que supón a súa xestión.
A partir destes datos definiranse os obxectivos a acadar, como poden ser o número de vivendas nas que actuar ou os sectores produtivos sobre os que se quere incidir, ademais de marcar os diferentes actos divulgativos e formativos que se han realizar coa poboación.
Logo, chegará a quenda do traballo de campo cos participantes que se decidan a dar o paso e iniciar o proceso de autocompostaxe, para o que se fará un acompañamento por parte do persoal encargado de impartir as actividades formativas, explicou o deputado de Promoción Económica.
Blas García destacou a importancia de estender a autocompostaxe polos fogares da provincia xa que contribuirá a "establecer un modelo de economía circular en beneficio de toda a veciñanza porque, por unha banda, reducirase a factura de recollida de residuos do concello e, pola outra, as familias xerarán un recurso que acrecenta a fertilidade das súas terras".