A Deputación da Coruña prorroga o convenio coa Casa da Acollida de Ferrol

María Muíño. BNG
María Muíño. BNG
A institución destina un total 100.891 € para manter o recurso para mulleres que padecen violencia machista
A Deputación da Coruña prorroga o convenio coa Casa da Acollida de Ferrol

A Deputación da Coruña prorrogará o convenio polo que financia a Casa de Acollida de mulleres que padecen a violencia machista de Ferrol cunha achega de 100.891, 64 €, un documento que será aprobado no pleno da institución este venres día 26 de marzo.

Como aconteceu no pasado ano, a Deputación da Coruña confirma o seu compromiso co mantemento da Casa de Acollida de mulleres que padecen violencia machista de Ferrol prorrogando o convenio asinado o pasado ano polo que se destina a este recurso un total de 100.891, 64 €, despois de que se tivera triplicado o orzamento de exercicios anteriores.

A deputada de Igualdade, María Muíño destaca que o apoio á casa da acollida responde ao compromiso da Deputación da Coruña co apoio ás mulleres que padecen violencia machista. "Consideramos de especial relevancia na nosa acción política a dotación de recursos de calidade que contribúan a axudar ás vítimas de violencia machista nas situacións extremas que padecen e que se sintan arroupadas nos momentos máis críticos", explica María Muíño para quen a casa de acollida, supón un recurso esencial que está a contribuír a que as mulleres e as súas fillas e fillos que fan uso del poidan ter os mellores servizos para a transición a unha vida nova.

O financiamento provincial supón o 26,43 % do orzamento anual de mantemento do centro que apoia ás mulleres e os seus fillos e fillas desde a súa creación en 1986. A achega da Deputación ten como destino gastos de persoal e correntes, entre os que se poden incluír roupa, axudas ao transporte ou produtos alimenticios e farmacéuticos.

A Casa de Acollida de Ferrol pertence á Rede de Acollemento para mulleres en situación de violencia de xénero da Deputación e constitúe un recurso de estadía temporal, atención e recuperación para estas mulleres, así como para os e as menores ao seu cargo. O recurso destínase a mulleres en situación vulnerable, ofrecéndolle apoio, información e asesoramento en materia social, xurídica e psicolóxica no momento máis complicado.

A Deputación da Coruña prorroga o convenio coa Casa da Acollida de Ferrol