Ciencia, astronomía e estrelas na inauguración das aulas 'A Luz da ciencia dende o Dolmen de Dombate'

As xornadas están organizadas pola Deputación da Coruña e o Concello de Cabana

O contido das aulas, no que participan investigadores do campo da astrofísica encabezados polo catedrático Jorge Mira, estará dispoñible en liña a partir do vindeiro 31 de marzo.

Ciencia, astronomía e estrelas na inauguración das aulas 'A Luz da ciencia dende o Dolmen de Dombate'

A primeira xornada da iniciativa 'A Luz da Ciencia dende o Dolmen de Dombate', as aulas científicas organizadas pola Deputación da Coruña e o Concello de Cabana, botaron a andar este venres cunha sesión sobre astronomía. Os contidos estarán dispoñibles nas páxinas www.dacoruna.gal e web www.cabana.gal a partir do vindeiro 31 de marzo.

A ciencia, a astronomía e as estrelas foron as protagonistas indiscutibles nesta xornada inaugural. A actividade estase a realizar durante os días 26 e 27 de marzo desde o recinto do Dolmen de Dombate, na parroquia de Borneiro. Na inauguración das aulas participaron o vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira; o deputado de Patrimonio, Xosé Luis Penas; o alcalde de Cabana, José Muíño; o catedrático en física aplicada da USC, Jorge Mira; o experto en astronomía e astrofísica Borja Tosar; e o investigador do INCIPIT – CSIC César González García.

Na súa intervención, o vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, sinalou que as xornadas eran un paso adiante nun camiño que conduce a "promover o turismo científico e astronómico relacionado co patrimonio arqueolóxico, unir a forza das estrelas con toda a mística prehistórica, respondendo tamén a un crecente interese neste ámbito".

Neste sentido, Xosé Regueira destacou que a Costa da Morte e, concretamente, o Dolmen de Dombate, son destinos de especial interese para un turismo "especializado, non masivo e de calidade, que se achega a un territorio único para coñecer e gozar dun ceo singular". "Temos os ingredientes necesarios para mostrar a relación do patrimonio megalítico cos astros, para observar as estrelas e promover un turismo de especial interese para esta comarca", apuntou Regueira que destacou, entre outros elementos, a pouca contaminación luminosa e a cantidade de espazos axeitados para a observación do firmamento. "Todo isto fai que a Costa da Morte sexa un destino de referencia para unha aposta turística que diversifica a oferta e a amplía máis alá do período estival, que é un obxectivo de todos os destinos", sinalou no marco da xornada.

Pola súa banda, o deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Luís Penas, fixo especial fincapé en crear "novas sinerxias arredor do patrimonio" de maneira que "revertan dunha forma ou outra na economía local". Con respecto ás Xornadas Científicas organizadas pola área de Patrimonio que Penas dirixe, apuntou que se trata dun "proxecto de nivel mais tamén de proximidade, onde pretendemos achegar a ciencia e o patrimonio a todo o mundo". Ao respecto, lamentou que as restricións impostas pola pandemia non podan permitir que máis persoas asistan ao vivo ás xornadas mais anunciou que "a tecnoloxía fará que todos poidan acceder ás charlas a través de rede", xa que as charlas estarán ao dispor do público a partir do vindeiro día 31 na páxina e redes da Deputación da Coruña.

O deputado de Patrimonio avanzou que, ademais da astronomía que centra a primeira das xornadas, no programa trataranse temas como "o coronavirus, como non, as vacinas, xenética, bioloxía, clima e como non pode ser doutra forma, tamén de patrimonio, coas primeiras xornadas sobre xestión de patrimonio, forma de administrar, futuro e novas tecnoloxías".

O rexedor cabanés agradeceu "a colaboración da Deputación da Coruña na organización das xornadas, que son de carácter trimestral e que achegarán a ciencia e cultura á veciñanza da man dos mellores investigadores". "Neste primeiro día das aulas científicas fíxose patente que Cabana ten moito potencial de cara a promoción cultural e turística no eido astronómico", engadiu.

Borja Tosar abriu o ciclo de actividades esta tarde con 'Cousas e movemento do ceo', onde ofreceu varias claves coas que entender o noso firmamento. Hoxe tamén foi a quenda de César González García con 'Como definiu a astronomía a orientación dos monumentos antigos?', un estudo arqueastronómico do Dolmen de Dombate. Logo destas aulas, Jorge Mira deu paso á observación das estrelas da man de Borja Tosar.

O sábado, 27 de marzo, clausuraranse as xornadas coas actividades 'Busca dos puntos de último solpor da Europa Continental', dirixida por Jorge Mira; 'O camiño do sol a través da paisaxe', que comandará o biólogo Fernando Rey Daluz; e a mesa redonda 'Posibilidades de desenvolvemento vinculadas á observación astronómica na Costa da Morte', que contará co xornalista Santiago Garrido Rial como moderador e con José Muíño, Xose Luis Penas, Jorge Mira e Fernando Rey Daluz como participantes.

Ciencia, astronomía e estrelas na inauguración das aulas 'A Luz da ciencia dende o Dolmen de Dombate'