Xosé Regueira apoia a candidatura de Ferrol a Patrimonio da Humanidade

Xosé Regueira.BNG
Xosé Regueira.BNG
O vicepresidente da Deputación da Coruña clausurou o congreso «Ferrol. Destino Patrimonio Mundial»
Xosé Regueira apoia a candidatura de Ferrol a Patrimonio da Humanidade

O vicepresidente e responsable de Turismo da Deputación da Coruña participou na clausura do congreso "Ferrol. Destino Patrimonio Mundial" cun discurso no que defendeu os valores da cidade para optar á declaración da Unesco. Defendeu na súa intervención a necesidade de apoiar a candidatura tamén como recurso para o desenvolvemento económico do concello. Na clausura tamén participaron o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato. 

"Ferrol é un tesouro que mira o mar, que nace arredor del e que foi construíndo unha cidade única, como un crisol de etapas históricas que definen os seus barrios, as súas rúas, os seus edificios modernistas, a súa tradición naval e militar, os seus museos, as súas singulares praias..", sinalou o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, no discurso de clausura do congreso "Ferrol. Destino Patrimonio Mundial" en que mostrou a súa

Xosé Regueira lembrou que até o momento, tres son os bens que a Unesco declarou Patrimonio da Humanidade na provincia, a cidade histórica de Santiago e a súa catedral, o Camiño de Santiago e a Torre de Hércules e animou a apostar pola candidatura de Ferrol "sumando todas as forzas porque posúe un riquísimo patrimonio para vivir e coñecer que ten que contribuír tamén ao desenvolvemento económico dun concello que precisa tomar forza e enorgullecerse de si propia".

Destacou tamén o interese da Deputación da Coruña en traballar pola conservación, difusión e promoción dun patrimonio que é, segundo dixo, máis patrimonial se "forma parte da vida da veciñanza, se é riqueza e desenvolvemento económico, se é testemuño da historia e é futuro, se é tradición e vida..." e citou proxectos que promove e en que participa a área de Turismo como o Parque do Megalitismo da Costa da Morte, Compostela Rupestre ou o proxecto de Xeoparque de Ortegal, todo un ronsel de bens patrimoniais históricos, xeolóxicos e paisaxísticos. O obxectivo é, segundo dixo, "conservar, difundir, gozar e tamén, porque non, recoñecer que son recursos turísticos de primeira orde e, polo tanto, de desenvolvemento económico".

Enumerou Regueira algúns dos recursos de Ferrol que son avais de primeira orde para conseguir a declaración da Unesco como son "a súa construción arredor do mar que foi deseñando unha cidade única, como un crisol de etapas históricas que definen os seus barrios, as súas rúas, os seus edificios modernistas, a súa tradición naval e militar, os seus museos, as súas singulares praias..o Arsenal Militar, o Castelo de San Felipe, o barrio da Madalena, a orixe do Camiño Inglés...".

"Ferrol é esa cidade que padeceu decisións que prexudicaron gravemente a súa veciñanza, polo desmantelamento industrial, pola perda de emprego, pola falta de saídas, pola depresión. Mais Ferrol ten unha historia luminosa, ilustrada, modernista, de luz fronte á sombra. Aí está tamén o seu patrimonio, os bens que compoñen esta cidade brillante que merece, sen dúbida, un recoñecemento como este", apuntou Regueira.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, rematou a súa intervención citando a Xohana Torres que falaba de Ferrol como "corazón de navío" e, segundo apuntou, o definiu como "dique grande de todos", unha metáfora, segundo dixo, moi acaída para a consideración de patrimonio de todas e todos.

Xosé Regueira apoia a candidatura de Ferrol a Patrimonio da Humanidade