Na procura de novas fórmulas turísticas

Xose Regueira nas xornadas sobre a Reserva das Mariñas
Xose Regueira, nas xornadas sobre a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

A Deputación da Coruña aposta pola cooperación urbano-rural para potenciar o turismo sostible na provincia.

Na procura de novas fórmulas turísticas

O deputado e responsable da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, ratificou está mañá o compromiso da institución co desenvolvemento do Turismo sustentábel na xornada inaugural da I Conferencia de Turismo Sostible, que se está a desenvolver na Casa da Cultura Pintor Llorens en Sada. Na procura de analizar as múltiples oportunidades que presenta a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, diferentes especialistas dos eidos medioambiental e turístico abordarán, entre a xornada de hoxe e a de mañá, a xestión, conservación e desenvolvemento dun modelo turístico sustentábel e socialmente responsable, para o grande espazo natural da provincia de Coruña.


Regueira sinalou que “é preciso reflexionar sobre novas fórmulas turísticas que se centren máis nos datos cualitativos e non nos cuantitativos” pois, segundo engadiu, “en toda Galiza temos recursos de calidade dabondo para mellorar dun xeito sostible”. E puntualizou que dende a Deputación estase a colaborar cos concellos “fomentando a contratación anual de máis dun cento de técnicos turísticos para os nosos municipios” e mediante diferentes liñas de subvención que teñen como destinatarios os concellos, os consorcios, asociacións ou os entes de xestión turística. Ademais, destacou que dende a institución provincial tamén se traballa con especial énfase en “organizar e planificar o territorio en materia patrimonial”.

 

Desde o apartado académico, o profesor e membro do Comite Cinetífico da Reserva, Andrés Precedo, cualificou a Reserva da Biosfera como “un territorio de grande calidade para desenvolver o turismo sustentábel", abogando por “mesturar o turismo litoral de calidade co turismo cultural”. Unhas trabes as que se deben incorporar “a identidade propia e a excepcionalidade” como características imprescindibles para desenvolver un proxecto turístico de excelencia.

 

Na xornada de mañá, en que se desenvolverá a segunda e derradeira da sesión desta I Conferencia de Turismo Sostible, as persoas expertas en Ecoturismo abordarán temáticas como o denominado Empredemento Verde, as perspectivas sociolóxicas deste modelo turístico ou a  potenciacilidade que este modelo ten no Concello de Sada. A sesión de mañá contará coa intervención, entre outros, da profesora experta en Socioloxía do Turismo da UDC, Antonia Pérez, o catedrático de Análise Rexional da USC, Rubén Camilo Lois, ou o concelleiro de Turismo e Medio Ambiente do Concello de Sada, Xosé Lois Suárez Becerra.

 

A Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo é unha área medioambiental que conta cunha superficie de 116.724 hectáreas, albergando no seu interior as concas fluviais dos ríos Mero e Mandeo, e que ademais posúe ecosistemas costeiros e de montaña que dan lugar a unha grande diversidade biolóxica. Así, este territorio delimitado como reserva da Biosfera pola Unesco comprende os concellos de Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Cesuras, Coirós, Culleredo, Irixoa, Miño, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada e Sobrado dos Monxes.  Uns municipios que compoñen un espazo singular onde as súas paraxes naturais, praias, cantís, montes, lagoas e encoros, dan lugar a un espazo singular no que se pode identificar unha parte moi importante do patrimonio natural, cultural e etnográfico que ostenta a provincia da Coruña.

Na procura de novas fórmulas turísticas