43 OBRAS PRESENTÁRONSE Á NOVA CONVOCATORIA DO CERTAME

O Premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña participa no programa do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Xurxo Couto. BNG
Xurxo Couto. BNG
A área de Cultura difunde un vídeo en que escritor o Xosé Antón Neira Cruz percorre os escenarios da súa novela gañadora
O Premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña participa no programa do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

A área de Cultura da Deputación da Coruña promociona o Premio Raíña Lupa no Salón de Literatura Infantil e Xuvenil de Pontevedra a través dun vídeo en que o escritor, Xosé Antón Neira Cruz, percorre os escenarios de Compostela que aparecen na súa obra "O enigma de Santiago", a gañadora da última edición.

Un vídeo en que o escritor Xosé Antonio Neira Cruz fala da súa obra e percorre os espazos que aparecen na novela "O enigma de Santiago", producido pola área de Cultura da Deputación da Coruña, difunde estes días no Salón do Libro de Pontevedra o premio de literatura infantil e xuvenil.

A obra, gañadora da última edición do premio, "xoga coa historia pero tamén cunha dimensión fantástica que funciona para un público infantil", sinala o seu autor, Xosé Antón Neira Cruz, o único até o momento que gañou en dúas ocasións o certame da área de Cultura da Deputación da Coruña.

"Consideramos que o Salón de Pontevedra é unha plataforma de especial relevancia para a promoción do Premio Raíña Lupa e, por iso, quixemos estar presentes coa obra gañadora da última edición", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto. Nesta nova edición presentáronse 43 obras á nova convocatoria do certame.

A rúa dos Loureiros ou a praza de San Martiño Pinario son algúns dos lugares que o escritor visita no vídeo e que aparecen na novela gañadora dun premio que inaugurou en 1988 Agustín Fernández Paz con "Cos pés no aire" e que tamén recibiron os escritores e escritoras Valentín Alvite, An Alfaya, Marilar Aleixandre, Héctor Cajaraville, Xesús Fraga, Marcos Calveiro, Carlos López Gómez, Antonio Yáñez, Breogán Riveiro, Xosé A. Neira Cruz , Antonio Reigosa e Mario Pereira.
O xurado destacara que a novela describe unha "trama arredor do poder que se artella a través de feitos históricos construíndo un relato atractivo destinado ao público infantil" e que nela se establece unha "ligazón entre dúas épocas históricas a través dun elemento fantástico que, a pesar diso, resulta críbel e verosímil".

O autor


Xosé A. Neira Cruz é xornalista, escritor e profesor da Universidade de Santiago de Compostela. Licenciado en Xornalismo e en Filoloxía Italiana, é doutor en Ciencias da Comunicación e en Filoloxía Italiana pola Universidade de Santiago de Compostela. Realizou estadías de estudo, docencia e investigación na Universidade de Boloña, na Internationale Jugendbibliotehk de Múnich, na Bibliotèque Nationale de France, na Biblioteca Medicea Laurenziana e máis no Archivio di Stato de Florencia, así como nas Universidades de Lyon (Francia), Macerata (Italia), Rio Grande do Norte (Brasil), Islandia e Lodz (Polonia).
Autor de máis de 30 obras de creación literaria, recibiu, entre outros, o Premio Merlín (1988 e 2000), o Barco de Vapor (1997 e 1999); o Raíña Lupa da Deputación da Coruña, en 2002; o Lazarillo da OEPLI, en 2004; o Fiz Vergara Vilariño de poesía do Concello de Sarria, en 2007; o White Ravens da Internationale Jugendbibliothek de Múnich; os premios Barriga Verde e Manuel María de teatro, da AGADIC, o Repsol de Novela en 2017; o Ánxel Fole de Narrativa Curta do Concello de Lugo, en 2019 ou o Carlos Mosteiro de Literatura Infantil e xuvenil do Concello da Pobra do Caramiñal, en 2019.

O Premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña participa no programa do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra