O PROGRAMA "EMPODERAMENTO E PARTICIPACIÓN SOCIAL #EU PARTICIPO, E TI?" BUSCA PROMOVER A PRESENZA AS MULLERES NO ÁMBITO PÚBLICO

Igualdade da Deputación da Coruña e a asociación Labregas colaboran no empoderamento das mulleres do rural

a
a
A deputada de Igualdade, María Muíño,reuniuse coa vicepresidenta da asociación, Ana Rodríguez
Igualdade da Deputación da Coruña e a asociación Labregas colaboran no empoderamento das mulleres do rural

Avanzar en igualdade no mundo rural, promover a participación social das mulleres, afortalar o tecido asociativo e contribuír ao empoderamento das labregas son algúns obxectivos da colaboración da área de Igualdade da Deputación da Coruña coa asociación Labregas que centrou a xuntanza da deputada María Muíño e a vicepresidenta da entidade, Ana Rodríguez.

A responsable da área de Igualdade da Deputación da Coruña, María Muíño, xunto coa asesora Silvia Seixas reuníronse coas representantes da asociación Labregas, Ana Rodríguez e María Ferreiro, para avanzar na colaboración no programa "Empoderamento e participación social #Eu participo, e ti?", que ten como obxectivo promover a presenza das mulleres do rural no ámbito público.

Na xuntanza, María Muíño e Ana Rodríguez, xunto con persoal asesor da Deputación da Coruña e de Labregas, analizaron o alcance do programa formativo para o empoderamento das mulleres que busca a a creación e consolidación do tecido asociativo de mulleres no rural ademais de fomentar a súa participación en organizacións e entidades. A iniciativa, na que colabora a área de Igualdade da Deputación da Coruña, busca priorizar a dinamización das mulleres no medio rural, principalmente as que son labregas, co obxectivo de que participen na vida pública e dispoñan de espazos de encontro onde se traballe desde unha perspectiva de xénero.

O programa, que se desenvolve ao longo de todo o ano, promove tamén a presenza de mulleres en postos directivos e de responsabilidade.

"Para nós é fundamental apoiar programas que promovan a participación das mulleres do rural no ámbito público e participativo porque non hai dúbida de que se as mulleres temos problemas para a visibilización, para chegar a postos de responsabilidade ou para a participación social, as que viven no rural son dobremente invisibilizadas", sinalou a deputada de Igualdade, María Muíño.

Nove concellos e máis de cen mulleres

O encontro serviu tamén para facer balance das actividades realizadas no ano 2020 que tiveron que sufrir modificación a causa da pandemia mais que, mesmo así, conseguiron organizarse nove obradoiros nos concellos da provincia da Coruña.

Teixeiro ( Curtis) , Santiago de Compostela, Santa Comba, Arzúa, Ordes, Betanzos e Carballo foron as localidades en que se desenvolveron os obradoiros que contaron coa participación de máis de 100 mulleres nunha iniciativa que contou co financiamento de 15.000 € da área de Igualdade da Deputación da Coruña.

Sensibilizar e potenciar a participación social das mulleres labrega, visibilizar e valorizar do seu papel na sociedade, presentar as sinerxias que existen entre ecoloxismo e feminismo, ofrecendo unha alternativa para chegar a un modo de vida sostible co medioe coa sociedade no seu conxunto son algúns dos obxectivos deste programa que busca, de maneira xeral, potenciar a participación das mulleres nos eidos públicos e en cargos de responsabilidade e darlles ferramentas para a promoción dun papel activo e xestión de grupos.

A asociación Labregas organiza actividades dirixidas a defender os intereses das mulleres relacionadas co mundo rural, que residen en concellos do rural ou, de maneira especial, que teñan relación co mesmo, de maneira particular por medio dunha explotación familiar agraria.

Igualdade da Deputación da Coruña e a asociación Labregas colaboran no empoderamento das mulleres do rural