O DEPUTADO DE CULTURA, O NACIONALISTA XURXO COUTO, DESTACA A APOSTA POLO SECTOR DA MÚSICA AO VIVO QUE "QUERE VOLVER A ATOPARSE CO SEU PÚBLICO"

Cultura da Deputación da Coruña programa o ciclo Maio Jazz os domingos no Teatro Colón

Xurxo Couto.BNG
Xurxo Couto.BNG
Oîma, Pablo Sanmamed, Margarida Mariño e María Toro protagonizarán os catro concertos do ciclo
Cultura da Deputación da Coruña programa o ciclo Maio Jazz os domingos no Teatro Colón

O grupo Oîma e Pablo Sanmamed, Margarida Mariño e María Toro coas súas bandas protagonizarán o novo ciclo Maio Jazz da área de Cultura da Deputación da Coruña. Os concertos terán lugar os domingos de maio ás 20:00 e a entrada será gratuíta até completar o aforo permitido.

Todos os domingos do mes haberá un concerto no Teatro Colón dentro do ciclo Maio Jazz que programa a área de Cultura da Deputación da Coruña. O día 2 arrancará con Oîma, o trío composto por Antía Ameixeiras (violín), Olalla Liñares (clarinete) e Martiño Senande (acordeón diatónico) coa presentación do seu traballo " Ala!"; o día 9 tocaralle o quenda a Pablo Sanmamed co espectáculo "Ben Vennas Maio" para darlle paso o día 16 a "Cello&Electronics" de Margarida Mariño antes de que o 30 de maio María Toro peche con "Fume" esta primeira edición do ciclo.

"Comprácenos presentar un novo ciclo, en primeiro lugar, porque, neste tempo xa é unha boa noticia dar conta de algo que nace porque apunta ao proceso de recuperación que a música ao vivo precisa e, máis aínda, se é un programa da calidade que agora presentamos e que fala da altura da música de jazz que se fai no noso país", sinalou o deputado de Cultura, Xurxo Couto que presentou o ciclo no Teatro Colón xunto con Antía Ameixeiras de Oîma, Pablo Sanmamed e Margarida Mariño.

Situou o programa dentro do vizoso panorama do jazz galego que, desde os anos oitenta protagonizou distintas iniciativas, desde escolas a salas especializadas e, de maneira especial, artistas que teñen un singular espazo nos circuítos internacionais. "Nesa tradición queremos situar este ciclo que contén propostas extraordinarias que mostran a vitalidade e calidade desta nova xeración de artistas", sinalou o deputado que fixo fincapé tamén en que, nun ámbito en que tradicionalmente predominaban os homes, neste caso se ofrece unha "destacada presenza de mulleres no programa, protagonistas destacadas de dous dos concertos e en maioría no trío Oîma, con nomes que , por méritos propios merecen estar nese grupo de prestixio do jazz galego"

A coruñesa María Toro e a viguesa Margarita Mariño son dúas das figuras dun ciclo que inclúe tamén a aposta por traer o jazz ao encontro coa música antiga a través das Cantigas de Afonso X da man de Pablo Sanmamed nun proxecto que suma música, fotografía e poesía e que arrinca o domingo día 2 de maio co grupo Oîma nos achegará á nosa tradición co seu primeiro disco, "Ala!".

Na presentación, Antía Ameixeiras de Oîma anunciou para o vindeiro domingo un espectáculo que vai contar con videocreación en directo que formará parte dun "concerto moi especial de estrea co que agardamos que o público goce xa que a idea é transmitir moitas sensacións", dixo. Pola súa parte, Pablo Sanmamed animou a "ir ao teatro e asistir a este ciclo no que é unha honra participar con traballo sobre as cantigas de Afonso x e a chegada dun maio físico e espiritual, a chegada da primavera coa súa connotación festiva". Finalmente, Margarita Mariño adiantou que en "Fume" interpretará un avance do seu repertorio "que mestura improvisación, tradicional, clásico... mesturando o violonchelo con electrónica" cun deseño especial de luces.

As entradas están dispoñíbeis en: https://teatrocolon.sacatuentrada.es/

Xurxo Couto.BNG

Programa

Ala! / Oîma

Domingo 2

Oîma é un trío de músicas para baile de tradición galega e europea formado por Antía Ameixeiras (violín), Olalla Liñares (clarinete) e Martiño Senande (acordeón diatónico). Presentan agora o seu primeiro disco, "Ala!", unha viaxe no tempo e no espazo, unha reivindicación da música instrumental.

Oîma é unha proposta musical concibida tanto para escoitar como para botarse a bailar. A través deses tres instrumentos achégannos música tradicional e tamén de composición propia, ligando os ritmos galegos (muiñeira, xota, pasodobre, valse) cos doutras latitudes (chapeloise, scottish, bourrée, rachenitsa). Xuntáronse no 2015 e desde aquela pisaron unha chea de escenarios, tanto en formato concerto como en formato balfolk, pero non foi até Decembro de 2019 que editaron o seu primeiro disco, "Ala!".

Ben Vennas Maio / Pablo Sanmamed

Domingo 9

Ben Vennas Maio, de Pablo Sanmamed, é un camiño aberto ás Cantigas de Afonso X a través de dúas linguaxes que se encontran, as da música medieval e o jazz. Editado por aCentral Folque en formato vinilo, neste traballo a música conflúe con outras dúas propostas artísticas: as que ofrecen as fotografías de Eutropio Rodríguez e a creación literaria de Alba Cid.

Música, texto e fotografía presentan entidade propia ao tempo que dialogan sobre os temas centrais de Ben Vennas Maio: as cantigas, o maio, a primavera, a muller.

Para este proxecto, o contrabaixista e compositor galego Pablo Sanmamed conta con músicos de talle internacional como Begoña Olavide (salterio e voz), Elena Tarrats (voz), Xurxo Varela (viola de gamba), Iago Mourinho (piano), Chus Pazos (batería) e Carlos Castro (percusións). O resultado xorde do encontro natural entre os membros da banda, que conectan os mundos da música antiga e o jazz.

Cello&Electronics / Margarida Mariño

Domingo 16

Natural de Vigo comeza os seus estudos de violoncello á idade de oito ano s no Conservatorio Profesional de Música da mesma cidade con Isabel Figueroa. No ano 2008 trasládase a Barcelona para licenciarse no Conservatori Superior Liceu e comeza a súa inmersión no ámbito das músicas improvisadas e o Jazz. Tocou en recoñecidos festivais como o Voll Damm Jazz de Barcelona, Pop Arb, VallSonora ou Curtcircuit. Continúa a súa formación de violoncello e contrabaixo no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra co pianista e compositor Abe Rábade.

Formou parte parte de distintas orquestras e no ano 2015 forma o dúo Treme xunto á cantante e guitarrista Su Garrido. En 2017 comeza a súa colaboración co multiinstrumentista Fernando Barroso co que emprende unha xira internacional presentando o álbum Silence Lovers Club.

Cello&Electronics é o seu primeiro traballo en solitario no que experimenta con xéneros onde o seu instrumento non é tan común, como o Jazz, a música espontánea, ou a improvisación libre cun repertorio orixinal inspirado en temas como a ecoloxía, o cambio climático ou as migracións humanas.

Desde a súa premiere no WOS Festival, Cello&Electronics acadou unha grande acollida a nivel internacional. En febreiro de 2020 presentouse nunha xira polos Países Baixos.

Fume / María Toro

Domingo 30

Natural da Coruña, a frautista María Toro leva unha década liderando un proxecto a cabalo entre varios países e continentes. Despois de obter o título superior na súa cidade natal, A Coruña, marcha a Madrid, onde combina os seus estudos de jazz na Escuela Creativa cos seus intereses no flamenco. En 2010 inicia o seu periplo internacional ao integrar a compañía internacional de flamenco de Zurich Flamencos on Route. En 2011 instálase en Nueva York, onde grava o seu primeiro traballo, A contraluz, centrado no flamenco jazz, cunha banda que integra, entre outros, Jean Michel Pilc ao piano. Tamén comparte escenarios con músicos como Richard Bona ou Jack Dejonette.

María Toro incorpora a súa música aos diferentes contextos polos que pasou, nunha aprendizaxe continua que se plasma nos seus traballos. Na última década, a frautista traballou en Suiza, Estados Unidos y Brasil. En Suiza compuxo o seu primeiro disco (A Contraluz, 2014, reeditado por Jazz Activist en 2017), que levou por varias cidades europeas e gravou finalmente en Nueva York. En Brasil compuxo y gravou Araras (Jazz Activist, 2018) mentres presentaba o seu primeiro álbum. E agora fixo o propio co seu novo disco, ra, , Fume (Jazz Activist, 2020) mentres pasea os repertorios dos anteriores albumes en xiras por todo o mundo

Cultura da Deputación da Coruña programa o ciclo Maio Jazz os domingos no Teatro Colón