Unha acción política transformadora, máis social, igualitaria e transparente

A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín Rei, anuncia que non formará parte do pleno e o goberno da institución no próximo mandato e fai un balance positivo de catro anos de traballo que transformaron a institución, eliminando o clientelismo e apostando por un modelo de xestión transparente e democrático. Goretti Sanmatín dedicarase integramente á política municipal no Concello de Santiago de Compostela.

Unha acción política transformadora, máis social, igualitaria e transparente

As primeiras palabras de Goretti Sanmartín Rei foron dedicadas á deputada Ánxela Franco, recentemente falecida, quen dicía que "non pode ser que pasen catro anos sen que se note o noso paso pola institución". Foi o inicio dunha intervención na que a ata agora vicepresidenta e responsábel das áreas de Cultura e Lingua da Deputación da Coruña aproveitou para facer balance de catro anos de goberno nos que destacou, de maneira especial, a aplicación do Plan Único que significou un reparto transparente e con criterios obxectivos e maior autonomía dos concellos, e a conversión en público Servizo de Emerxencias en servizo. Avanzou tamén que deixa na Deputación as bases postas para a presentación da demanda para recuperar os Pazos de Meirás e mostrou o seu convencimento de que "a demanda se ten que presentar proximamente"

 

Na súa intervención, Goretti Sanmartín anunciou que, en diante, a súa prioridade política será o traballo municipal en Santiago de Compostela á que dedicará "o cen por cen" da súa enerxía polo que non repetirá como deputada provincial nin como membro do goberno da institución. 

 

"Este mandato significou unha transformación radical do modelo da Deputación. Démoslle unha volta con humildade e orgullo, garantindo a autonomía dos concellos, buscando a obxectividade e a transparencia, eliminando a discrecionalidade e defendendo outra maneira de estar nas institucións, ao servizo da xente", dixo Goretti Sanmartín.

 

G5Da área de Cultura destacou que se sentaron bases estruturais que van ficar para o futuro, entre elas, un afortalamento da Rede Cultural, que conta na actualidade cun orzamento de dous millóns de euros e o deseño dun mapa de convocatorias de subvencións en concorrencia competitiva que supón un sólido apoio a todo o tecido cultural da Coruña, tanto aos concellos como ás entidades.

 

"A política cultural deseñouse coa complicidade dos sectores implicados e nomeando comisións externas para garantir a obxectividade e a transparencia. Acabamos sendo un referente en boas prácticas de acción cultural do que temos orgullo", sinalou da xestión da área de Cultura.

 

Destacou tamén que a través da área de Cultura establecéronse relacións con outras áreas para a transformación social, deseñando programas con áreas como a de Igualdade, co premio Begoña Caamaño e Luísa Villalta, o Festival Rosalía o proxecto "Oito mulleres, oito voces" ou as xornadas que promovían a igualdade desde a cultura ou de normalización lingüística con iniciativas como o concurso Quero Cantar, a ordenanza de uso da lingua galega ou programas como "O galego a miña lingua propia" e "Malas linguas".

 

Memoria Histórica

Ademais, fixo especial fincapé á política de recuperación da memoria histórica impulsada desde a área de Cultura que dirixía co obxectivo de "concienciar e promover o coñecemento de quen somos, homenaxear ás corporacións represaliadas desde o proxecto Xeración Perdida e ás vítimas da masacre e poñer ás bases para a recuperación do Pazo de Meirás como ben público, constituíndo a Xunta pro Devolución do Pazo e elaborando informes xurídico e histórico fundamentais para a reclamación da propiedade".

 

Neste sentido, afirmou que desde a súa área "cumpriuse de maneira escrupulosa mais faltou a coraxe por parte do goberno do Estado para dar o paso necesario para presentar a demanda. "Fai falta unha maior decisión para dar o paso xa que, pola nosa parte, o traballo está feito, co gran impulso da investigación iniciada por Carlos Babío, desde Avogacía do Estado e a Dirección Xeral da Memoria continuouse nesa liña así que estou certa de que se vai presentar a demanda contra os Franco e recuperarase o Pazo de Meirás", afirmou.

 

Finalmente, Goretti Sanmartín referiuse a catro anos en que desde a Deputación da Coruña estívose á beira do tecido cultural que traballa en todo o territorio reforzando o apoio a fundacións entidades sociais e culturais e concellos a través de ferramentas como a Rede Cultural que viu incrementado o seu orzamento até os dous millóns de euros ou a reformulación das liñas de subvencións que supuxeron unha redución absoluta do clientelismo na xestión das axudas e o cambio pola obxectividade e o reparto transparente, cos sectores culturais como interlocutores no deseño das políticas culturais.

Unha acción política transformadora, máis social, igualitaria e transparente