MEMORIA

Un informe confirma a posibilidade de que o Pazo de Meirás pase a ser ben público

“Na nosa opinión o ben, froito deses negocios ficticios, deberá formar parte do Patrimonio Nacional”, concluíu Xabier Ferreira para o que a “opción necesaria é acudir aos tribunais de xustiza”.

Un informe confirma a posibilidade de que o Pazo de Meirás pase a ser ben público

A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei e o profesor da Universidade de Santiago, Xabier Ferreira, presentaron esta mañá un informe xurídico que confirma a posibilidade de recuperar o Pazo de Meirás o patrimonio público, a través dun proceso xudicial. Ao tratarse dunha propiedade que é froito dun “negocio ficticio que pode ser anulado”.

 

Goretti Sanmartín explicou que o informe encargado pola Deputación da Coruña por decisión da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, presentarase  o vindeiro xoves día 1de marzo xunto co informe histórico, despois de tres meses de traballo.

 

Xabier Ferreira, un dos encargados da súa elaboración do texto e profesor da USC, explicou que o paso fundamental do proceso, está na compra-venda en 1941 que se realiza cun prezo baixo de venda e sen entregar o diñeiro perante notario, nunha escritura en que se incorpora unha cláusula pola que non se pode reclamar. “A escritura é ordinaria mais, de facto, en 1941 Franco xa ocupaba un ben que Carmen Polo visitaba con asiduidade e no que diversas institucións acometaran obras de reforma”, explicou, remitíndose o documento privado de doazón de 1938, que fora aceptada polo propio Franco, e que fora anunciada desde a Coruña a Serrano Suñer a través dun telegrama que saíra publicado en prensa.

 

“En dereito existe a figura de contrato simulado cando dúas persoas formalizan perante notario un contrato cando están facendo outra cousa, e diso estamos a falar. No ano 1941 está comprando unha persoa que xa ten o ben e vendendo unha que xa o fixo”, explicou, polo que abriu a vía a reclamar a “nulidade plena dese contrato” xa que “esa compravenda non existiu e a acción, ao se tratar dun ben público, é imprescriptíbel, inembargábel e inalienábel”. A razóns desta segunda operación estaría, segundo Ferreira, na aprobación en 1940 da Lei de Patrimonio Nacional que incorporaría o Pazo de Meirás como ben público e na necesidade de Franco de asinar un contrato de compra para preservar o inmóbel como propiedade privada.

 

“Na nosa opinión o ben, froito deses negocios ficticios, deberá formar parte do Patrimonio Nacional”, concluíu Xabier Ferreira para o que a “opción necesaria é acudir aos tribunais de xustiza”. “O tribunal terá que valorar se o telegrama do Gobernador Civil da Coruña a Ramón Serrano Suñer que dicía que se facía entrega do Pazo a Franco é falso ou unha realidade. A min xérame unha convicción clara e contundente de que iso aconteceu”, engadiu Ferreira, quen confía en que finalmente o ben reverta ao dominio público.

 

O día 1 de marzo reunirase o grupo promotor da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás onde se presentarán ao completo os informes xurídico e histórico.

Un informe confirma a posibilidade de que o Pazo de Meirás pase a ser ben público