O vicepresidente da Deputación da Coruña, o nacionalista Xosé Regueira, recoñece o avance desenvolvido neste ano en Compostela Rupestre

Compostela Rupestre
Compostela Rupestre

Compostela Rupestre anuncia que en seis meses estará rematado o Plan Director que rexerá o futuro do parque

O vicepresidente da Deputación da Coruña, o nacionalista Xosé Regueira, recoñece o avance desenvolvido neste ano en Compostela Rupestre

O Consello Director de Compostela Rupestre reuniuse no concello de Ames para facer balance do ano de xestión e avanzar nas novas iniciativas que se desenvolverán no próximo ano en que o concello de Teo toma o relevo na súa dirección. O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, destacou que en seis meses estará rematado o plan director que rexerá o futuro do parque.

O vicepresidente e responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Luís Penas, informaron na reunión do Consello Director de Compostela Rupestre do inicio da contratación por procedemento aberto do Plan Director cun orzamento de 95.565 €.

"Suporá un paso adiante fundamental cun traballo interno no territorio e a realización dun documento que vai dirixir as accións futuras no proxecto, unha carta de navegación imprescindíbel para os concellos e a Deputación que consolidará o proxecto do Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre", sinalou o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira que aproveitou tamén para parabenizar o concello de Ames, e moi especialmente ao tenente alcalde David Santomil, "polo traballo desenvolvido neste ano en que se tenderon sólidas pontes e achegou a capacidade administrativa, política e, neste caso, tamén técnica ao proxecto".

Na xuntanza, na que participaron representantes de todos os concellos implicados no proxecto, anunciouse tamén a contratación dun primeiro vídeo promocional do Parque Arqueolóxico que se comezará a gravar en decembro, co obxectivo de dar a coñecer a riqueza patrimonial do territorio.

Pola súa parte, o tenente alcalde do concello de Ames, David Santomil, destacou que a licitación do Plan Director supón "o inventariado e a posta en valor das propostas de ordenación do territorio do Parque para a elaboración do plan que sirva de guía aos concellos e Deputación en futuras actuacións que consoliden o proxecto de maneira definitiva".

Na reunión, Santomil fixo balance do ano de xestión á fronte do Consello Director en que se avanzou na tramitación administrativa e na promoción e difusión da iniciativa, iniciando, entre outras cousas, a presenza activa nas redes sociais.

No desenvolvemento da reunión aprobouse tamén a cesión do local de Villestro para uso das necesidades que se establezan no Plan director de cara a converterse en centro de interpretación para distintas actividades do proxecto. Será a reunión final do período de presidencia do Concello de Ames que será relevado polo de Teo, pola sucesión rotatoria en función do número de habitantes que se iniciou o pasado ano con Santiago de Compostela.

O Plan director contemplará o programa de actuacións nos petróglifos e na contorna próxima nos concellos de Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra e que incluirá un plan específico de documentación e investigación, un plan de protección, conservación preventiva e de mantemento e un plan de divulgación, comunicación e musealización. O prazo de execución será de 6 meses e estará elaborado por un equipo multidisciplinar.

O deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas, fixo fincapé na colaboración desenvolvida polos cinco concello e a Deputación á hora de executar o proxecto que ten un grande interese "non só para a promoción e defensa do patrimonio senón tamén para o desenvolvemento económico dos concellos do territorio coa idea de que o patrimonio pode producir beneficios".

A cooperación entre a Deputación da Coruña e os concellos de Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra para o proxecto Parque Compostela Rupestre naceu en setembro de 2018 coa sinatura do convenio de colaboración en que as institucións se comprometían a xestionar, de maneira conxunta, a promoción e posta en valor da arte rupestre dos seus termos municipais. Coa contratación do Plan Director séntanse as bases do traballo interdisciplinario para o desenvolvemento do proxecto.

O vicepresidente da Deputación da Coruña, o nacionalista Xosé Regueira, recoñece o avance desenvolvido neste ano en Compostela Rupestre