IGUALDADE

"Memorandum" a curta para concienciar contra a violencia machista

9a0e9b8ebc5ff334c05c9457131ff157_f35668
9a0e9b8ebc5ff334c05c9457131ff157_f35668
A produción é resultado do guión elaborado por tres alumnas do IES Lamas de Abade que gañaron o Concurso de Guións contra a Violencia de Xénero da área de Igualdade
"Memorandum" a curta para concienciar contra a violencia machista

A área de Igualdade da Deputación da Coruña está a difundir na rede e nos centros de ensino a curtametraxe "Memorandum" elaborada sobre o guión realizado por tres alumnas do IES Lamas de Abade de Santiago de Compostela que gañou VI Concurso de Guións contra a Violencia de Xénero. Ademais dunha cantidade en metálico, o premio consistiu na realización profesional do audiovisual.

As alumnas Xiana Villaverde Munín, Ainoha Caamaño Rey e Elisa Nieves Barreiro dirixidas pola profesora María del Carmen García Ares, do IES Lamas de Abade de Santiago de Compostela foron as gañadoras da sexta edición do Concurso de guión contra a violencia de xénero que, meses despois do certame, pódese ver a través da rede.

O xurado, composto por persoal especializado en igualdade e audiovisual, destacou do guión gañador a súa estrutura técnica e a boa execución do final nun traballo que "fai un retrato dunha realidade moi nosa, moi próxima, cunha trazabilidade histórica que visibiliza a realidade das mulleres". O premio consistiu nun curso práctico de realización de curtas, no que se produciu o vídeo que desenvolve o guión gañador, coas autoras como partícipes de todo o proceso. Así mesmo, o centro educativo no que se titorizou o guión gañador recibiu 4.000 € polo premio.

"O obxectivo desta iniciativa é animar á reflexión e sensibilización e, en definitiva, a prevención da violencia machista para o que é fundamental contribuír á igualdade desde a infancia e mocidade", sinala a deputada María Muíño que inclúe o premio no conxunto de actividades que desde a área de Igualdade se dirixe ás persoas de menor idade "que son as que poden construír un futuro sen discriminación, en igualdade e na que non exista violencia contra as mulleres".

Ademais deste "Memorandum", no espazo audiovisual da área de Igualdade pódense ver as curtametraxes gañadoras de anteriores edicións do certame no que, segundo a deputada María Muíño, supón xa "un importante repositorio de materiais para debater e reflexionar nas aulas, que é o obxectivo desta iniciativa e das curtas que cada ano se premian".

"Convidados de pedra" do IES Poeta Añón de Serra de Outes, gañou a primeira edición en 2014 e inaugura a colección de audiovisuais ao que lle seguen, Corazón amoratado" do IES Puga Ramón; "O Túnel" do IES Moncho Valcarce das Pontes; e "Deámoslle voz", nunha listaxe á que agora se incorpora "Memorando" e que inclúe tamén os vídeos gañadores do programa "Suprime o control" para a prevención da violencia machista.

Pódense ver estes materiais audiovisuais na seguinte ligazón: https://www.dacoruna.gal/servizos-sociais/area-igualdade/contido 

"Memorandum" a curta para concienciar contra a violencia machista