A área de Cultura da Deputacion da Coruña apoia a distribución de seis películas en galego

Xurxo Couto
Xurxo Couto
116.156 € para promocionar filmes como "Lúa vermella", "Ons" "A Illa das mentiras", "María Solinha" e "A media voz"
A área de Cultura da Deputacion da Coruña apoia a distribución de seis películas en galego

Seis novas películas que chegarán ás pantallas en galego reciben o apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña a través dunha nova liña de apoio que ten como obxectivo difundir producións cinematográficas en galego ou traducidas a nosa lingua. A convocatoria deste ano conta cun orzamento de 116.156 € que se distribúe entre seis películas, estreadas nos últimos meses ou, algunha delas, como "Ons" de Alfonso Zarauza, de próxima estrea.

En poucos días, "Ons" estrearase no Festival de Cine de Sevilla e esta mesma fin de semana "Lúa vermella", de Lois Patiño, ,chegaba ás pantallas comerciais. Son dous dos filmes que este ano apoia a área de Cultura da Deputación da Coruña co obxectivo de contribuír á súa difusión e achegar películas en galego ao público.

"Esta liña de axudas foi creada precisamente para contribuír á paliar o déficit de cinema en galego nas pantallas. Son poucas as películas que chegan ao público na nosa lingua e, por iso, desde a Deputación da Coruña quixemos deseñar novas ferramentas para apoiar a presenza da nosa lingua nos cines", explica o deputado de Cultura, Xurxo Couto, a respecto da convocatoria de axudas que ven de resolverse con subvencións para seis produtoras con outros tantos proxectos cinematográficos. A través da liña de axudas, a área de Cultura financia gastos de difusión, publicidade, subtitulado, dobraxe ou comunicación social co obxectivo de facilitar que o público poda acceder ás películas en lingua galega.

"Para o sector audiovisual galego é fundamental contar con apoios á hora de difundir as producións e, neste sentido, esta liña afonda precisamente neste ámbito, de especial relevancia para que os filmes se poidan ver na nosa lingua tanto en salas comerciais como en festivais ou outros programas", apuntou Xurxo Couto.

Esta liña da apoio súmase ao programa "Visións" da Rede Cultural para impulsar a difusión de contidos audiovisuais na programación cultural dos concellos, de maneira especial a difusión da produción audiovisual galega, ademais do apoio a festivais audiovisuais organizados por concellos e entidades que son obxecto de dúas liñas de axuda en concorrencia competitiva que fan da Deputación da Coruña a institución que con máis decisión apoian estas plataformas de difusión do cinema.

"A produción audiovisual é unha mostra principal da vitalidade dunha lingua e dunha cultura, en tanto permite xerar discurso propio cara a si e cara os outros e articular un espazo de referencias propio e recoñecible, cunha dinámica autónoma e beneficiosa no sociocultural e no económico e ao tempo interconectada e aberta ao resto de espazos culturais do planeta", explícase nas bases da liña que destacan a "importancia estratéxica da existencia dun espazo de comunicación e cultura propio, vivo e que se desenvolva no noso idioma".

A película María Soliña dirixida por Ignacio Vilar, a versión audiovisual do espectáculo de Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco, Somos Criminais; o relato rescate por parte de veciñas da illa de Sálvora de persoas do buque Santa Isabel que naufragou en 1921 que centra A Illa das mentiras de Paula Cons, A media voz de Heidi Hassan e Patricia Pérez ou a nova película de Lois Patiño Lúa Vermella que chegou esta fin de semana ás pantallas ademais do último filme de Alfonso Zarauza Ons que se estreará no Festival de Cinema de Sevilla son os títulos que a Deputación da Coruña apoia nesta nova convocatoria da liña de axuda á distribución cinematográfica.

Productora Película Concedido

ZEITUN FILMS, S.L. Longametraxe "Lúa vermella" 26.920,01

VIA LACTEA FILMES, S.L. "María Solinha" 24.000,00

AINE PRODUCIONS S.L. "Somos Criminais" 14.196,00

AGALLAS FILMS, S.L. Película "A illa das mentiras" 18.760,00

MATRIUSKA PRODUCCIONES, S.L. PELÍCULA "A media voz" 5.280,00

MARUXIÑA FILM COMPANY, S.L. Longametraxe "Ons" 27.000,00

TOTAL: 116.156,01
 

A área de Cultura da Deputacion da Coruña apoia a distribución de seis películas en galego