PLENO NA DEPUTACIÓN

Xosé Regueira: "No domingo negro dos incendios non estaba funcionando nin o 20% do operativo"

Goretti Sanmartín e Xosé Regueira, no pleno deste venres 27 de outubro.
Goretti Sanmartín e Xosé Regueira, no pleno deste venres 27 de outubro.

A Deputación aproba mocións instando a un pacto social polo monte galego co voto en contra do PP que insiste na teoría da trama terrorista.

Xosé Regueira: "No domingo negro dos incendios non estaba funcionando nin o 20% do operativo"

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe dúas mocións, presentadas polo PSdeG-PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños e polos Grupos de Marea Atlántica e Compostela Aberta nas que se insta aos grupos políticos con representación no Parlamento de Galiza a impulsar un gran acordo polo monte galego, a promover novas políticas forestais e a establecer un mando único de carácter público de loita contra os incendios.

 

"O futuro depende de que cheguemos a acordos, e por iso esta era unha moción de mínimos", explicou Xosé Regueira, do BNG, na defensa do texto que asinaron os nacionalistas co PSdeG-PSOE e Alternativa dos Veciños. A iniciativa, que saíu aprobada con 17 votos a favor e 13 en contra (os do PP), solicita á cámara galega que corrixa o decreto de axudas ás familias das vítimas dos incendios "eliminando a necesidade de demostrar a existencia de intencionalidade para conceder esas axudas por falecemento, incapacidade permanente ou lesións". 

 

Ademais de solicitar que se muden as políticas forestais e se estableza un mando único no dispositivo contra os lumes, a moción tamén recomenda promover "políticas de desenvolvemento que reverta o abandono dos núcleos rurais e das explotacións agrarias e forestais".

 

Regueira Xose pleno DeputaciónXosé Regueira discutiulle ao PP a súa vontade de recuperar o rural galega. "Como pensan facelo? Nin hai centros de día para maiores, están pechando consultorios médicos, quitando escolas... A clave podería estar aí: na igualdade de acceso aos servizos. Pero quen vai querer vivir así no rural galego?" O deputado nacionalista referiuse tamén ao concurso eólico impulsado polo bipartito, "ao que as cooperativas de montes e as agrarias podían concorren e obter beneficios da explotación dos montes". O PP eliminou aquel concurso, e agora, recordou Regueira, a Xustiza está avalando aquel plan.

 

Unha oferta de país inda sen responder
Sinalou Regueira, que Ana Pontón, a portavoz do BNG no Parlamento galego, enviou unha carta o 10 de xuño ao presidente da Xunta de Galiza "cunha oferta de diálogo e para que se convocara a todas as forzas políticas con representación nesa cámara para mirar de xestionar o verán que tiñamos por diante nos incendios forestais, intentando antepoñerse ao que podía vir. Esa carta inda está por responder..."

 

A trama é unha desculpa vella
O deputado nacionalista contestou tamén ao discurso do PP que insiste na existencia dunha trama incendiaria tratando de agochar "as deficiencias no dispositivo de extinción e na política forestal". Recordou Regueira que nos noventa o entón Conselleiro de Agricultura, Romay Beccaria, xa sinalaba tramas incendiarias, "pero as investigacións nunca chegaron máis alá, como agora, de dar con un señor que estaba asando uns chourizos e escapóuselle o lume". 

 

https://www.facebook.com/1907661636113073/videos/1926122367600333/