TURISMO

Os seis xeodestinos contarán con plans de formación para os profesionais do turismo

Ruta das Meninas de Canido, no xeodestino de Ferrolterra.
Ruta das Meninas de Canido, no xeodestino de Ferrolterra.

A Deputación subvenciona con 650.000 a entidades de Ferrolterra, Muros-Noia, Arousa Norte, Terras de Santiago, As Mariñas e a Costa da Morte para mellorar a súa competitividade, aumentar a calidade dos servizos, organizar eventos e desenvolver produtos turísticos.

Os seis xeodestinos contarán con plans de formación para os profesionais do turismo

A Deputación aprobou a finais de agosto o programa de subvencións dirixidas a entes de xestión, asociacións, mancomunidades e consorcios turísticos para a mellora da calidade e a competitividade.

 

O xeodestino de Ferrolterra é o que máis achegas concentra, un total de 180.000 euros que se reparten entre a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, que recibe 100.000 euros para elaborar un plan de promoción das Rías Altas, e a Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, á que se lle concederon 80.000 euros para potenciar rutas coma a das Meninas de Canido ou o Camiño Inglés.

 

A vontade do goberno provincial é impulsar a profesionalización e a modernización do sector nos seis xeodestinos da provincia. Así, para a concesión das achegas valoráronse especialmente os plans de formación e de actualización dos profesionais do sector. As axudas provinciais financian tamén a organización e celebracións de eventos e o desenvolvemento de novos produtos.

 

Na comarca de Barbanza, a Asociación Rural de Desenvolvemento da Ría de Muros-Noia recibiu 40.000 euros para realizar cursos para profesionais do turismo e desenvolver o programa "Experiencia Ría de Muros-Noia"; a Asociación Sociocultural Auga e Sal utilizará os 20.000 euros achegados pola Deputación para adquirir material de promoción e realizar visitas guiadas na contorna de Muros. E a Mancomunidade da ría de Arousa-Zona Norte, que conta cunha achega provincial de 60.000 euros, financiará a participación en feiras internacionais coma ITB Berlín, WTM Londres ou o Salón Náutico de París.

 

Tamén reciben axudas Información e Comunicación Local no xeodestino das Terras de Santiago; o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña; e no xeodestino da Costa da Morte, a asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas.