Regueira esixe á Xunta “transparencia” na distribución de fondos aos concellos

Pleno deste venres na Deputación.
Pleno deste venres na Deputación.

O portavoz do BNG na Deputación anima ao PP a introducir o modelo de xestión do Plan Único da Deputación da Coruña na Administración Autonómica.

Regueira esixe á Xunta “transparencia” na distribución de fondos aos concellos

Gañar en transparencia, en autonomía municipal e en xustiza no uso dos cartos públicos distribuídos con criterios obxectivos, esa é a visión do POS+, o Plan Único da Deputación da Coruña, e Xosé Regueira (BNG), o responsábel do seu desenvolvemento, anima ao PP a introducir o modelo de xestión do Plan Único da Deputación da Coruña na Xunta. Fíxoo durante o pleno desta mañá na Deputación, no que se acordou, co voto en contra do Partido Popular, unha moción instando á Xunta de Galicia a aplicar a “transparencia no reparto de axudas” aos concellos e entidades locais.

 

O texto aprobado hoxe denuncia que a Xunta de Galicia repartiu “a dedo” 22,5 millóns de euros nos últimos dous anos e esixe ao goberno galego a aplicación dun modelo similar ao Plan Único, baseado en criterios obxectivos para a distribución de fondos que permita aos municipios “deixar de mendigar axudas” e que se adecúe “a un modelo propio do século XXI, onde non procede o escurantismo”. A moción insta ao goberno galego a regular, mediante unha lei autonómica consensuada coa Fegamp, un sistema de financiamento xusto para os concellos galegos, que garanta a igualdade de acceso cunha convocatoria pública á que poidan concorrer todos os concellos en igualdade de oportunidades.

 

Xosé Regueira sostivo que “a Xunta debía atender a todos os concellos” e censurou que o Concello de Carballo, con 32.000 habitantes, reciba só 45.000 € da Xunta este ano. “Na Xunta óptase por outro modelo no que pasan cousas estrañas, no Plan Urbe o 93% das axudas foron para concellos do PP e no Plan de Infraestruturas e Equipamentos axudáronse a 75 concellos, 59 gobernados polo PP mentres que o Plan de Infraestruturas e Equipamentos de Medioambiente repartiu 4,3 millóns entre 19 concellos dos que 15 foron do PP", sinalou Xosé Regueira na súa intervención.