As referencias gastronómicas da Coruña volven a "Xantar"

A feira comeza hoxe en Ourense.
A feira comeza hoxe en Ourense.

A área de Turismo da Deputación da Coruña participa no 20º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, en Ourense, desde hoxe até o domingo.

As referencias gastronómicas da Coruña volven a "Xantar"

"Xantar converteuse nun escaparate privilexiado de  turismo gastronómico no que a presenza dos concellos da Coruña supón xa un referente no sector", destacou na presentación o deputado de Turismo e Patrimonio, Xosé Regueira para quen a riqueza gastronómica supón " un importante atractivo para o turismo e unha chamada a que nos visiten e coñezan o territorio".

 

xantarA Deputación da Coruña achega a Xantar tamén información das máis dun cento de festas gastronómicas que se conmemoran nas dezaoito comarcas da provincia. Ao longo de todas as xornadas, o espazo da Deputación da Coruña ofrecerá degustación de produtos dos concellos ademais de información sobre festas e produtos gastronómicos. Ademais, o programa de showcooking -elaboracións e catas ao vivo- acollerá nesta edición a preparación dos pinchos irmandiños de Vimianzo, o bolo do pote de Mazaricos, ou o polbo á mugardesa, e as degustacións de conservas, tortilla romana ou ceviche de raia de Muros-Noia, o pan e a empanada de Carballo ou o queixo da Capela, entre outros.

 

O deputado de Turismo, Xosé Regueira, destacou que Xantar "representa unha interesante oportunidade para promover as propostas gastronómicas dos nosos concellos" e destacou o impacto de participación na única feira de turismo gastronómico galega que destaca "unha das nosas fortalezas turísticas que é o produto de calidade e a elaboración da nosa gastronomía que aposta tamén por unha maneira distinta de promocionar a nosa oferta turística".