CULTURA

A Rede Cultural terá un programa específico de dinamización lingüística

Actuación de Adhara & Ritman na entrega de premios culturais da Deputación o xoves en Mariñán.
Actuación de Adhara & Ritman na entrega de premios culturais da Deputación o xoves en Mariñán.

O orzamento para 2018 supera os dous millóns de euros e a novidades será “Lingua a escena!” que nace co obxectivo de contribuír á dinamización da lingua galega.

A Rede Cultural terá un programa específico de dinamización lingüística

A área de Cultura da Deputación da Coruña abriu o prazo para a inscrición de compañías, artistas e producións, na Rede Cultural, a ferramenta para apoiar a existencia dunha oferta diversa no conxunto dos concellos e comarcas da provincia. Artistas, compañías ou produtoras teñen até o 27 de decembro para inscribir as súas propostas telematicamente na web.

 

Nesta edición, ademais dos tres programas que se viñan ofertando, inclúese un novo dentro da categoría profesional destinado a espectáculos de música, teatro, danza, narración oral ou monicreques con contidos específicos orientados á dinamización social da lingua galega para concellos. Con Lingua á escena! a área de Cultura e Lingua busca “contribuír a promocionar espectáculos e propostas que teñan a dinamización lingüística como obxectivo, a través da Rede pódese mesmo incentivar a creación destas propostas específicas interesantes para a promoción da nosa lingua, en especial, nas xeracións máis novas”, segundo a responsábel da área, Goretti Sanmartín Rei.

 

Na edición deste ano 2017 da Rede Cultural desenvolvéronse 1.170 actuacións nos concellos e 505 as de entidades o que fan un total de 1677, por un total de case tres millóns de euros, sumando as achegas da Deputación, dos concellos e das entidades. 

 

A segunda fase de solicitude de espectáculos prolongarase do 7 ao 20 de febreiro de 2018. Finalmente a resolución de adxudicación realizarase antes do 22 de marzo.