A Rede de Concellos para o Benestar toma corpo

Fernández-Albalat, Carolina Buhigas, Ánxela Franco, Manuel Pérez e Paula Filgueiras.
Fernández-Albalat, Carolina Buhigas, Ánxela Franco, Manuel Pérez e Paula Filgueiras.

A Deputación presentou no Concello da Coruña o Plan de Acción de Servizos Sociais.

A Rede de Concellos para o Benestar toma corpo

A deputada Ánxela Franco, responsábel da área de Benestar, xunto coas xefas de servizo e xefa de sección de Servizos Sociais da Deputación, Mercedes Fernández-Albalat e Carolina Buhigas, a técnica Paula Filgueiras e o coordinador do Plan de Acción, Manuel Pérez, visitaron esta semana o Concello da Coruña para reunirse coas responsábeis das áreas de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, e de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán xunto cos seus respectivos equipos técnicos para poñer en común o Plan de Acción de Servizos Sociais que está a elaborar a Deputación da Coruña ademais de distintas vías de colaboración institucional da área.

 

"Como noutras xuntanzas quixemos explicar o resultado do proceso en que participaron xa máis de 200 persoas en mesas de traballos comarcais e que contou tamén coa opinión e a información de entidades e colexios profesionais e que, ao noso ver, será unha ferramenta de especial relevancia no sector", sinalou a deputada Ánxela Franco.

 

Na reunión, Ánxela Franco deu conta da elaboración do Plan de Acción de Servizos Sociais, iniciado o pasado mes de marzo, como un proceso participativo que quixo contar con representantes do ámbito político e técnico municipal ademais das entidades que están a traballar no sector dos servizos sociais. Ademais, analizáronse distintos programas das políticas de benestar social da Coruña e estudáronse posíbeis liñas de colaboración con respecto de iniciativas como o Servizo de Axuda no Fogar ou a atención a persoas máis necesitadas, con vista tamén a transferir coñecementos a concellos máis pequenos, cos que a Deputación da Coruña traballa directamente.

 

O Plan de Acción de Servizos Sociais "Rede de Concellos para o Benestar" busca coñecer a realidade social dos concellos da Coruña para elaborar no futuro políticas eficientes que optimicen a xestión de recursos.