DEPORTE

A próxima parada de "Conquista os Elementos", en Carballo o día 31

Presentación na Deputación do programa "Conquista os Elementos" o pasado decembro.
Presentación na Deputación do programa "Conquista os Elementos" o pasado decembro.

Belén Iglesias e María Bardanca falarán da súas experiencias como deportistas de alto nivel no rugby e no fútbol sala.

A próxima parada de "Conquista os Elementos", en Carballo o día 31

Os vídeo forums do programa "Conquista os Elementos" que comezaron a semana pasada en Compostela cun acto no Centro Socio Cultural das Fontiñas farán a súa seguinte parada en Carballo o próximo 31 de xaneiro. Será na Biblioteca Municipal Rego da Balsa, a partir das sete da tarde, e coa presencia da es xogadora de rugby, Belén Iglesias, que segue vinculada ao CRAT da Coruña, e de María Bardanca, xogadora e adestradora de fútbol sala.

 

Despois da charla en Compostela en torno ao empoderamento da muller no mundo do deporte, que contou coa participación da atleta Paula Mayobre, do adestrador de baloncesto Adrían Diós e da xornalista María Obelleiro, xunto a profesora da UDC, Cristina López [abaixo podedes ver o vídeo completo do evento], esta segunda xeira en Carballo comezará co relato das experiencias de Belén Iglesias e María Bardanca. Ámbalas dúas competiron ao máximo nivel nas súas respectivas disciplinas, e actualmente traballan en preparación e xestión deportiva.

 

Conquista os elementos levará a relación entre a muller e o deporte na Galiza de hoxe a 23 concellos con vídeo forums coa proxección do documental "Contra os elementos". O programa, impulsado pola Área de Igualdade da Deputación da Coruña, terá continuidade nos concellos Arzúa, Ribeira, Negreira, Betanzos, A Coruña, Oleiros, Cambre. Arteixo, As Pontes, Ferrol, Narón, Cee, Muros, Porto do Son, Ordes, Ortigueira, Ames, Padrón, Melide, Vimianzo e Santa Comba.