NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O programa “Lingua á Escena” ofrece trece propostas de teatro, maxia e música

'Coa lingua fóra', un dos espectáculos do programa da Rede Cultural da Deputación.
'Coa lingua fóra', un dos espectáculos do programa da Rede Cultural da Deputación.

Os concellos poderán solicitar até o vindeiro 20 de febreiro os espectáculos da Rede Cultural da Deputación da Cultura que se inclúen nesta edición.

 

O programa “Lingua á Escena” ofrece trece propostas de teatro, maxia e música

Lingua á escena é unha das novidades da Rede Cultural que neste ano  2018 conta cun orzamento que supera os dous millóns de euros. Os concellos teñen desde o 7 até o 20 de febreiro para se sumar aos distintos programas do circuíto cultural da Deputación. “Lingua á escena é unha iniciativa que quere contribuír á dinamización da nosa lingua desde propostas culturais que van máis alá de se expresaren en galego. Quixemos que o tema central sexa precisamente a promoción da nosa lingua e a eliminación de prexuízos, que tanta falta fai”, sinala a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei.

 

TEATRO

Falar por Falar, de Tintimán Audiovisual, levará ata os escenarios un relato autobiográfico no que un actor nado no medio rural e un dramaturgo de orixe urbana confrontan as súas visión arredor da lingua.

Falar sen Cancelas, de Culturactiva SCG, cos cómicos Pedro Brandariz, Fran Rei e Isabel Risco, achégannos unha aloucada comedia onde os seus protagonistas son vítimas dun virus que lles impide falar en galego en público.

Un bico para Alí, de Fabaloba, é unha peza na que a nena Alí perde a capacidade de falar na nosa lingua. Non obstante, e grazas aos xogos, as historias e as cancións dos seus compañeiros, voltará a encher o seu saco de palabras e recuperalo tesouro perdido. 

A casa encantada de Alí, de Luís Prego e Fabaloba, é unha representación contada, cantada e pintada, que  achega un xeito didáctico aos nenos e as nenas unha grande cantidade de recursos cos aproximarse á lingua.

Bicos con Lingua e Pelos na Lingua, de Talía, abordan os usos e abusos do galego botando man da comedia.

As aventuras de Gale, de Celtia Figueiras, destinada ao público infantil, somerxe aos máis pequenos nunha historia chea de aventuras e desventuras nos que se proxecta a grande riqueza que supón contar con música, poemas e libros en galego.

Language Planning, da compañía Quinquilláns Teatro, é unha representación onde os conflitos que rodean ao ámbito lingüístico son enfrontados dende a ironía e o disparate, para acadar a supervivencia da lingua.

 

POESÍA

O espectáculo Cría fame e bótate a correr, de Aldaolado (Lucía Aldao e María Lado), emprega lírica como elemento dinamizador da da lingua na procura de favorecer a vivencia positiva do noso idioma propio.

 

ILUSIONISMO

Con Lingua do País e Laretando nas Lareiras do mago Martín Camiña (xunto con Fani Triana no segundo). Trátase de dous espectáculos máxico-lingüísticos, en que mesmo lle piden explicacións a Google pola utilización dos topónimos deturpados.

En Memoria dun mago galego, o mago Richard presenta unha función baseada na historia real deste mago, que por medio da ilusión vai describindo a súa evolución no emprego da lingua galega, para rematar falando das vantaxes que esta ten.

 

MÚSICA

Música e lingua, repaso da nosa música contemporánea e o papel da muller nel, de Zënzar, divídese en dúas partes: unha video-charla sobre rock galego como elemento dinamizador da lingua, e un concerto de Zënzar no que se poderán escoitar algún das pezas dunha formación que leva 30 anos no panorama musical galego.