Unha onda de galeguización na onda do feminismo

xornada fala_007
Olalha Barro e Goretti Sanmartín.

A Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña analizou as relacións entre a lingua galega e os xéneros.

Unha onda de galeguización na onda do feminismo

“Quixemos contribuír a unha onda de galeguización aproveitando a onda do feminismo”, dixo Olalha Barro, a coordinadora das xornadas, que acompañou a Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación, no arranque da cuarta xornada do programa Malas Linguas, a semana pasada na sede do organismo provincial. Na súa intervención, Goretti Sanmartín lanzou a pregunta: “Por que as mulleres usamos menos o idioma galego cós homes?”. Afirmou a vicepresidenta que “de maneira sistemática, aínda que sexa nunha porcentaxe pequena, os estudos cuantitativos así o reflicten. Pasan os anos e sigue habendo esa diferenza”, afondando en que “esa preocupación está focalizada desde principios do século pasado nas mulleres das clases medias e altas porque as das clases populares xa falaban galego”.

 

Así, cos exemplos daquelas mulleres contemporáneas ás Irmandades da Fala e a Xeración Nós, Goretti Sanmartin serviuse dun documento de 1929 para amosar que esa preocupación non é nova: “O sector galeguista da época xa analiza o motivo polo cal as mulleres falaban menos o galego”. Desgranou algúns dos motivos, como que “as mulleres usamos máis a lingua de prestixio, tendemos ao estándar e somos as que máis abandonamos a lingua a causa danosa subordinación social. Ao homes se lles permite saírse da norma, ás mulleres non”.

 

Relatoras

 

Participaron nesta cuarta xornada de Malas Linguas: a educadora social e experta en xénero Patricia Porto Paderne, da Libraría Lila de Lilith (Argumentos para o galego); a xornalista, traductora e doutora en Estudos de Tradución pola Universidade de Vigo, Olga Castro, ademais da filóloga Noemi Basanta, licenciada en Filoloxía Galega e Portuguesa pola USC, e Iria Vázquez Silva, doutora en Socioloxía e mestrada en Estudos de Xénero (O galego, unha lingua inclusiva?); a profesora de Socioloxía da UDC, Antía P. Caramés, a activista feminista e editora do fanzine Galiza Nación Cuir, Ximena González (Políticas lingüísticas e de xénero: unha complementariedade necesaria) e Zinthia Álvares Palomino, Mar Lugo e Jeane Costa, activistas afrodescendentes (Argumentos para o galego).

 

Quinta xornada en Ponteceso

 

Malas linguas terán o seu feche de ouro o vindeiro martes 14 de maio en Ponteceso coincidindo co Festiletras. Será un espazo colectivo artellado polas propias personas participantes, unha posta en común para seren capaces de trasladaro todo o aprendido ao seu lugar de traballo.

 

Podedes obter máis información sobre Malas linguas e o programa completo na páxina web da Deputación, www.dacoruna.gal/normalizacion-linguistica/malas-linguas

Unha onda de galeguización na onda do feminismo