IGUALDADE

O noso camiño decidímolo nós!

Ánxela Franco, con persoal do departamento de Igualdade, esta mañá.
Ánxela Franco, con persoal do departamento de Igualdade, esta mañá.

A Deputación da Coruña súmase cunha campaña propia á conmemoración do 8 de marzo.

O noso camiño decidímolo nós!

A responsábel da área de Igualdade, Ánxela Franco, acompañada por persoal do seu departamento, presentou esta mañá a campaña que a Deputación da Coruña lanza con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, e que levará co lema: "O noso camiño decidímolo nós!"

 

"É fundamental visibilizar a loita das mulleres e a nosa obriga é sumarnos as mobilizacións tamén por todas aquelas mulleres que, pola desigualdade e as condicións que viven, non poderán saír ás rúas e participar con contundencia nas actuacións”, dixo a deputada nacionalista.

 

Na presentación da campaña estivo tamén presente a deseñadora da imaxe Patricia Portela de The Office que explicou o seu traballo –que resultou gañador do concurso- apelando ao colectivo xa que, segundo dixo, “o camiño decidímolo nós pero necesitamos que todo o mundo empurre para que o camiño se abra. A campaña quere visibilizar o empoderamento das mulleres como peza fundamental para a igualdade”.

 

Música e viñetas

Na roda de prensa presentouse tamén a gala 16Mx8M que terá lugar o vindeiro sábado día 10 ás 20.30 horas que convocará no Teatro Colón dezaseis mulleres da música como son MJPérez, A Banda da Loba ademais de Mounqup, gañadora do Premio Narf da Deputación da Coruña e Máis boas cás patacas, a banda que gañou a categoría xuvenil do premio Quero Cantar coa súa canción Son muller. A compañía trasPediante conducirá a gala que é de asistencia gratuíta previa retirada da entrada na web de Ataquilla ou na billeteira do Teatro.

 

No acto a técnica de Igualdade Eva Ovenza presentou unha nova convocatoria do IX Concurso de Viñetas pola igualdade, Donas.Mulleres na historia de Galicia ao que se poden presentar persoas de entre 12 a 18 anos cunha obra orixinal e inédita en galego sobre a historia das mulleres, biografías femininas galegas, empoderamento feminino, o papel das mulleres na sociedade galega cun máximo de seis viñetas.