Sete millóns de euros aos servizos sociais dos concellos

Ánxela Franco e o seu equipo de colaboradoras.
Ánxela Franco e o seu equipo de colaboradoras.

O programa financia servizos sociais e de asistencia no fogar nos concellos de menos de 20.000 habitantes.

Sete millóns de euros aos servizos sociais dos concellos

"A convocatoria para os servizos sociais municipais é un dos piares da nosa área e fundamental para estar á beira da xente que máis o precisa", destacou a deputada de Servizos Sociais, Ánxela Franco. A Deputación da Coruña destina este ano un total de 6.921.085,40 € ao financiamento dos Servizos Sociais dos concellos a través dunha liña de axudas da que se benefician todos os municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia.

 

A convocatoria, dirixida a concellos de menos de 20.000 habitantes -83 na provincia- ten como obxectivo contribuír á "igualdade e á mellora na calidade e eficiencia dos servizos que atenden ás persoas que máis o necesitan e contribúan a que os concellos de menor poboación podan ofrecer servizos sociais de calidade". Coas melloras aprobadas o pasado ano, que incluía o financiamento de persoal administrativo, o persoal técnico municipal liberouse de tarefas que estaban a asumir co fin de dedicarse integramente a atender ás persoas que son beneficiarias dos servizos sociais municipais o que reverteu na súa mellora.

 

A deputada Ánxela Franco lembrou que desde a área de Servizos Sociais estanse a elaborar as conclusións do Plan de Accións de Servizos Sociais "Rede de Concellos para o Benestar" que vai ofrecer unha análise en profundidade da realidade social dos concellos da Coruña co fin de elaborar políticas eficientes que optimicen a xestión dos recursos. "Para realizar unha xestión óptima dos investimentos é preciso coñecer o estado dos servizos e os recursos e este estudo ofrecerá un completo mapa da situación que permitirá continuar coas melloras que xa estamos aplicando nunha área de especial interese para a mellora da vida das persoas", sinala Ánxela Franco.