Mércores cine en feminino e sábado teatro con humor na programación da Deputación

Ánxela Franco, Goretti Sanmartín e Rosario Sarmiento hoxe na Deputación.
Ánxela Franco, Goretti Sanmartín e Rosario Sarmiento hoxe na Deputación.

Goretti Sanmartín presentou esta mañá o pase do documental 'Arte+Muller+Galicia', de Rosario Sarmiento, e a estrea da obra de teatro 'Estás aí?', dirixida por Alex Sampayo, que arrancan a programación de primavera no Colón.

Mércores cine en feminino e sábado teatro con humor na programación da Deputación

A vicepresidenta da Deputación e responsábel da área de Cultura estivo acompañada por Ánxela Franco, deputada nacionalista responsábel da área de Igualdade, na presentación do documental Arte+Muller+Galicia, de Rosario Sarmiento, un dos proxectos distinguidos co premio Luísa Villalta. Arte+Muller+Galicia, que xa foi emitido na TVG e pódese ver nesta ligazón: http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/arte-muller-galicia, expón un achegamento ao traballo daquelas artistas mulleres cuxa obra resulta fundamental para entender o desenvolvemento da historia da arte contemporánea no país. Pasado mañá, mércores 11 de abril, o traballo de Sarmiento proxectarase no Teatro Colón nun único pase ás 20.00 horas. A entrada é gratuíta.

 

Á proxección do filme seguirá un coloquio arredor das circunstancias da muller na arte. Un debate aberto ao público no que participarán varias das artistas que protagonizan este documental: Elena Colmeiro, María Xosé Díaz, Soledad Penalta, Fina Mantiñán e Tatiana Medal. Tras a súa estrea na Coruña, ARTE+MULLER+GALICIA proxectarase en distintas cidades galegas. O vindeiro 20 de abril, presentarase no Ateneo de Ferrol; o 23 de abril, no Museo Provincial de Lugo; o 25 de abril, no Museo de Pontevedra; e o 3 de maio, no CGAC en Santiago de Compostela.

 

Goretti Sanmartín cos responsábeis da obra esta mañá na DeputaciónPor outra banda, tamén hoxe, presentouse en rolda de prensa na Deputación a estrea da obra teatral Estás aí?, unha comedia que narra as vivencias e os desencontros habituais que se producen nas parellas empregando o humor como fío conductor. Dirixida por Alex Sampayo, e protagonizada por Isabel Risco e Xúlio Abonjo, o novo espéctaculo de Redrum Teatro estrearase o vindeiro día 14 de abril (20:00 horas) sobre as táboas do Colón. Estás aí? é o noveno espectáculo da compañía teatral teense “Redrum Teatro”, que desde o ano 2009 vén desenvolvendo os seus traballos polos principais escenarios do país coa clara intención de ofrecer alternativas que contribúan ao desenvolvemento da industria teatral galega. Sampayo destacou que coa obra “garántense 80 minutos de risa”, pois ademais da calidade que posúe este texto orixinal de Javier Daulte “a obra está protagonizada por dous dos mellores actores que hai en Galicia”, en alusión a Isabel Risco e Xúlio Abonjo. E tamén adiantou que a cita no Colón é a primeira das 13 actuacións que ten confirmadas o espéctaculo até o de agora en diferentes concellos, unha cifra, expresou “que agardamos incrementar tras a súa estrea”.

 

Goretti Sanmartín sinalou que esta obra ratifica a intención da Deputación da Coruña de “traer até o Colón o máis relevante do que se fai en Galicia nos mundos da música, do teatro, do audiovisual e de todas as artes escénicas”, e engadiu que a obra “proxecta unha mensaxe que permite reflexionar por medio do humor sobre os encontros e desencontros que se producen na vida cotiá das parellas”.