Melloras do equipamento deportivo e do centro de Saúde da Picota en Mazaricos

O deputado de Patrimonio e Contratación, Xesús Soto, e o alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, asinaron o acordo de colaboración

Melloras do equipamento deportivo e do centro de Saúde da Picota en Mazaricos

O financiamento da rexeneración da parcela de equipamentos deportivos e centro de saúde da Picota. A Deputación da Coruña comprométese a achegar un total de 98.880 €, o 80% do orzamento da actuación que ascende a 128.750 euros.

 

A Deputación da Coruña financiará unha actuación na Picota que afectará a dous importantes equipamentos do Concello de Mazaricos, o Centro de Saúde e o equipamento deportivo que está nas súas inmediacións. A mellora das condicións de habitabilidade interior do edificio do Centro de Saúde da Picota é unha das obras que inclúe o convenio de colaboración asinado polo deputado de Patrimonio e Contratación, Xesús Soto, e o alcalde de Mazaricos, Juan Blanco. Ademais, o orzamento contempla a transformación da vella pista de futbito unha pista de pádel e actividades deportistas variadas e a recualificación ambiental e paisaxística da zona verde entre o centro de saúde e a pista.

 

O concello busca, con esta iniciativa, ampliar a oferta de equipamentos e espazos libres con especial atención a necesidades da infancia e a terceira idade, principais usuarios dos dous equipamentos. As obras desenvolveranse nunha área en que se concentra boa parte da oferta dotacional da capital do municipio con asidua presenza da veciñanza polos servizos que alí se prestan.